O xurado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística reuniuse o mércores na sala de xuntas municipal para fallar os galardóns da trixésima edición nas súas tres categorías. O galardón A Estrada-Comarca de Tabeirós-Terra de Montes foi para o mestre e historiador José Manuel Bértolo; o Galicia enteira recaeu no colectivo poético Rompente, mentres que o que distingue Toda unha vida agasallou ao programa de radio Sempre en Galicia, de Uruguai.

José Manuel Bértolo e o colectivo poético Rompente reciben os Premios San Martiño

O acto de entrega dos premios San Martiño de Normalización Lingüística terá lugar nun acto público que se levará a cabo durante a segunda semana de novembro no Teatro Principal da Estrada. Estos premios son convocados anualmente pola Asociación Cultural O Brado da Estrada para recoñecer a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Estes galardóns veñen repartíndose na Estrada desde o ano 1991.

Na defensa do idioma na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, o premio foi parar a mans de José Manuel Bértolo Ballesteros, catedrático de grego e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. Bértolo é autor de libros como Pazos e casas fidalgas do Concello da Estrada, ou Fidalguía e heráldica de Terra de Montes, e de artigos en revistas como o Boletín de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea Histórica e cultural. Tamén é un asiduo colaborador na edición comarcal de FARO DE VIGO, o que lle valeu para gañar o premio de xornalismo Reimóndez Portela, xunto ao seu amigo Luís Ferro.

O premio no apartado Galicia Enteira é para o colectivo poético Rompente. Baixo este nome agóchase un colectivo de autores de espírito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño, Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía á rúa xa nos anos setenta, nunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego. Recentemente, regresaron á escena literaria cun libro titulado Que hostia din os rumorosos?, que contén poemas dos tres autores.

O galardón a Toda unha vida recaeu no programa radiofónico en lingua galega máis lonxevo. Titulado Sempre en Galicia, o programa foi creado no ano 1950 en Montevideo (Uruguai) da man de emigrantes galegos coma Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras. O programa vén sendo, ao longo de seis décadas, o nexo de unión entre a Galicia interior e exterior, coa lingua e a cultura galegas coma grandes elementos referenciais.