Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Inventario dos reloxos de sol de Cerdedo (I)

Capitán Gosende emprende a tarefa de recopilar estes elementos en todo o territorio cerdedés

O Cuadrante do Quinteiro de Baixo de Abelaíndo (debuxo de Mogaro).

No limiar do ano 22, o colectivo Capitán Gosende emprendeu a tarefa de inventariar os reloxos de sol que no pasado e no presente reinaron ou aínda reinan nas aldeas do territorio cerdedés. En Cerdedo, o reloxo de sol tamén se nomea cuadrante, e a súa existencia fica indelébel nos chamadeiros dalgunhas vivendas: a casa do Cuadrante ou O Cuadrante, metonimia reveladora.

Reloxo de sol da casa da Ferreira (A Revolta).

En virtude do movemento aparente da nosa estrela, os reloxos de sol indican a hora valéndose da sombra proxectada polo gnomon (ou nariz) nunha superficie (vertical ou horizontal) na que se riscou unha escala horaria.

Reloxo de sol da casa de Lidia Caramés (A Cavadosa). Calros Solla

En xeral, nas casas de Cerdedo, os reloxos de sol sitúanse, como adobío exento, encol dos penais do pinche (xa no cumio, xa no empezo do pipal). Nas paredes das casas tamén poden aparecer exentos sobre peaña ou beiril, enfornelados ou mesmo embutidos. Nos canastros, prefírense as sopenas do pinche como alzadeiro, podendo conxugarse coa cruz ou co lampión (cantacuco). Nas igrexas, os reloxos de sol locen exentos, asentados nalgún plano horizontal da portada ou embutidos nas paredes laterais. Non se atoparon reloxos de sol adobiando as cubertas dos pombais.

O San Pedro, reloxo de sol do barrio de San Pedro (Cerdedo). Calros Solla

Consonte as investigacións realizadas a finais da década dos noventa (consúltese: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral, 2002), na parroquia cerdedesa había noticia de 13 reloxos de sol, distribuídos do seguinte xeito polas quince aldeas que a forman:

Reloxo de sol da casa da Martiña. Calros Solla

Abelaíndo: O Cuadrante, nun dos pinches da casa de Manuela de Ramona (a casa do Cuadrante), no Quinteiro de Baixo. Desapareceu do seu postoiro con anterioridade aos anos noventa. Dispomos dun debuxo de Mogaro, elaborado segundo a precisa descrición dos veciños. Elaborado en pedra de gran, o Cuadrante era un reloxo de sol circular exento e de bo tamaño, asentado nun pedestal (1 m aprox. de altura). Orientábase cara ao sur.

Arén: Un reloxo na casa de Elsita, no San Miguel. Desapareceu do seu postoiro con anterioridade aos anos noventa.

Barro: Un reloxo de sol na casa de Carme de Vilas, no Fondo do Lugar. Desapareceu do seu postoiro con anterioridade aos anos noventa.

Carballás: Un reloxo de sol na casa dos Carballeiros. Desapareceu do seu postoiro con anterioridade aos anos noventa.

A Cavadosa: Un reloxo de sol na casa da Martiña, no Lugar de Riba. Outro, na casa de Lidia Caramés (ant. casa de Rosaria), no Lugar de Baixo, e outro na casa de Flores de Sieiro, tamén no Lugar de Baixo. O reloxo de sol da casa da Martiña desapareceu nos anos noventa e apenas fica o testemuño dunha vella fotografía. Peza cuadrangular, biselada, oblonga e antropomorfa de granito. Reloxo de sol de tipoloxía circular. O reloxo de sol da casa de Flores de Sieiro, arrecunchado no beiril do curral, é un sinxelo prisma cuadrangular de base rectangular tallado en pedra de gran. As faces anterior e posterior teñen remate triangular. Conserva o nacedoiro do gnomon.

O reloxo de sol da casa de Lidia Caramés é un prisma cuadrangular de base rectangular de pedra de gran, exento, de pequeno tamaño e fasquía antropomórfica, que asenta nun pedestal. Tipoloxicamente, o reloxo pódese clasificar como circular. A peza cuadrangular ten os cantos inferiores achafranados, e cingue a parte superior das faces laterais e frontal cun rebordo pingado no que se integra o reloxo. Por debaixo do resalte do reloxo, entrevese unha hexapétala inscrita nunha circunferencia. Oriéntase cara ao sur e carece de gnomon.

Cerdedo: O San Pedro, no barrio de San Pedro (núcleo urbano) e un reloxo de sol na casa da Gueiteira, nos Carballos. O reloxo da casa da Gueiteira desapareceu do seu postoiro con posterioridade aos anos noventa.

O reloxo do San Pedro é un conxunto escultórico exento de pedra de gran. Representa o san Pedro na compaña dun meniño (quizais, un anxo) pedestre e espido. O apóstolo, vellouco, calvo e de barba crecha, ataviado con túnica pregada e refucida, mostra dúas chaves na man dereita (a de ouro e a de prata; as chaves do “atar e desatar”, é dicir, a potestade de absolver ou excomungar). Coa axuda do neno, terma coa man esquerda dun libro (atributo apostólico). Ambas as dúas figuras érguense descalzas sobre un pedestal de cantos arredondados. No frontal da peaña sobresae unha cartela cuadrangular, ocupada polo reloxo de sol, de tipoloxía circular. O reloxo oriéntase cara ao sueste, carece de gnomon, mais conserva restos da pintura negra que remarcaba os sucos horarios.

Á beira da estrada xeral, a casa tradicional da que formaba parte o reloxo foi substituída por unha nova edificación. Enriba do lintel da porta de acceso á vivenda, abriuse un fornelo rectangular para conter a escultura. Ao parecer, o inmóbel primixenio era propiedade dun frade, promotor da talla.

O estudoso Xosé Luís Basanta (1924-2016) consignou este reloxo no seu libro Relojes de piedra en Galicia (1986, páx. 99, fotografía 33). O arquivo gráfico do Museo de Pontevedra conserva unha fotografía en branco e negro do mesmo (nº de rexistro: 19961).

Cernados: Un reloxo de sol na casa de Ramona Cerdeira. Desaparecido do seu postoiro con posterioridade aos anos noventa.

Limeres: Un reloxo de sol nunha casa do quinteiro da Agolvada. Desaparecido do seu postoiro con posterioridade aos anos noventa.

Meilide: Un reloxo de sol encol dos penais dun canastro de Portocelos. Desaparecido do seu postoiro con posterioridade aos anos noventa.

A Revolta: Un reloxo de sol na casa da Ferreira, na Revolta de Riba. O reloxo da casa da Ferreira, sobre peaña, álzase nun extremo dunha das paredes laterais da vivenda. Componse dunha peza de pedra de gran cuadrangular de base rectangular na que se inscribe o reloxo. Encol da pedra do reloxo pousan o busto dun gaiteiro orellán, barbado e amonteirado, flanqueado por dúas figuriñas de corpo completo: un gaiteiro (pola dereita) e un frautista (pola esquerda), toucados con cadanseu bonete. O gnomon oriéntase cara ao sudoeste. A actual casa da Ferreira e froito dunha restauración levada a cabo no ano 1984. Cremos que o reloxo data dese ano.

En conclusión, até onde alcanza a memoria, 10 das 15 aldeas da parroquia de Cerdedo contaban cun ou varios reloxos de sol. Dos 13 reloxos de sol enumerados, na actualidade só fican no seu postoiro 4: o reloxo de sol da casa de Lidia Caramés (ant. casa de Rosaria) e o da casa de Flores de Sieiro, na aldea da Cavadosa; o San Pedro, nun edificio do barrio de San Pedro, no núcleo de Cerdedo; e o reloxo de sol da casa da Ferreira, na aldea da Revolta. 5 dos 13 reloxos xa estaban en paradoiro descoñecido na década dos noventa. 4 reloxos desapareceron nos anos posteriores.

Os resultados obtidos na freguesía de Cerdedo denotan unha gravísima, e consideramos irreparábel, perda patrimonial.

Compartir el artículo

stats