Andrés Seoane Pena retoma a presidencia da Asociación de Amigos da Empanada da Bandeira. A súa foi a única candidatura presentada na asemblea ordinaria celebrada o venres no Centro Cultural Vista Alegre, logo da dimisión da directiva liderada por Teresa Fernández Cangas, quen tomou posesión do seu cargo o 18 de xaneiro de 2020, semanas antes da declaración do estado de alarma polo COVID-19.

Tras dous anos sen poder celebrar a tradicional cita gastronómica por mor da crise sanitaria, Andrés Seoane recunca cunha candidatura conformada por 23 persoas e baixo o lema “un novo comezo”, co obxectivo de que o 20 de agosto do 2022 A Bandeira “volva ser a capital da Empanada e da festa no noso país”. Seoane iniciouse como vogal do colectivo en 2017 e posteriormente liderou a organización das festas nos anos 2018 e 2019.

Xunto a Andrés Seoane, volven a ocupar os postos de maior relevancia: Flavia Payno, que recupera a secretaría que xa exercera en 2018 e 2019, Luis Villanueva e Alfonso Mato, que volven á vicepresidencia e á tesourería, respectivamente, coma en 2019. Seoane resalta a gran experiencia do equipo, que está “máis que preparado para asumir esta gran responsabilidade de novo” e anuncia a creación dunha vicepresidencia segunda, encabezada por María José Fernández e a reaparición da vicesecretaría, que ocupará Mario Rodríguez, ambos tamén con experiencia na anterior etapa.

Completan a directiva os vogais: Ana Cuiña, Javier Gayoso, Tania Barral e Héctor Rey, que tamén repiten; e, como novas incorporacións, Beatriz Cuiña, Alberto García, Soraya Mosquera, Javier Penido, Ana Brandariz, Jaime Cid, Cristina Quinteiro, Sergio Rodríguez, Lucrecia Balagué, Diego Ben, Iago Sánchez, Diego Rodríguez e Adrián Villar. Trátase da directiva máis grande da historia de Amigos da Empanada, constituída no ano 1995, e moi superior en número ás que conformara o propio Seoane en 2018 (dez integrantes) e 2019 (catorce).

En canto á estrutura, os compoñentes estarán divididos en catro grandes bloques: área económica e de recadación, técnica e de intervención, cultural e artística e de loxística e infraestruturas. Como outra novidade, crearase o departamento de igualdade e desenvolvemento sostible, que a súa responsable, Beatriz Cuiña, interpreta como “un gran avance que porá a igualdade e sustentabilidade no lugar que se merecen” ao funcionar como unha especie de filtro de todas as decisións e accións da asociación.

Flavia Payno salienta “a ilusión e as ganas coas que todo o equipo comeza”, destacando como aspecto moi positivo a magnífica relación existente entre os 23 membros. “Somos como unha gran familia”, sinala a secretaria, que anuncia que o presidente convocará con gran urxencia unha primeira reunión para comezar a debuxar as festas deste ano. Estarán marcadas pola seguridade ante a COVID-19 e a austeridade económica, xa que “debemos traballar na creación dunha forte base financeira que permita festexar por todo o alto a 50ª Empanada”, sinala o tesoureiro, Alfonso Mato.

A pesar desta política de aforro, Luis Villanueva é moi optimista e considera que o “Esmorga Folk fará brillar unha vez máis a nosa música e a nosa cultura”. María José Fernández incide na necesidade de que, tras dous anos de parón, volvan ás nosas vilas e aldeas actividades culturais e festivais como o Bandeirock, porque “a cultura, ademais de necesaria, é segura”. Pola súa banda, Mario Rodríguez pon en valor a gran diversidade das festas de verán da vila, “onde todos e todas estamos representados e que fan que nos sintamos moi orgullosos de Bandeira”.

Un optimismo que comparte o novo presidente: “Este 2022 volveremos gozar da nosa Empanada, dos nosos festivais e da nosa tradición e cultura; este ano será un novo comezo”, proclama Seoane.

Lembranza para Bran Diéguez

A asemblea tivo unha lembranza para Bran Diéguez Rodríguez, finado o xoves nun accidente en Ames aos 23 anos de idade. “Hoxe os nosos pensamentos están con Bran e a súa familia. A dor que nos invade é tan profunda como o baleiro que nos deixa a perda do noso amigo. Bandeira chora a un mesmo tempo porque a vida é moi inxusta e porque non haberá día no que non estrañemos a unha persoa que nos fixo tan felices. É imposible falar de Bandeira sen falar de Bran, como tamén é imposible recordar a Bran sen un gran sorriso cheo de emoción. Sempre levou a Bandeira, con orgullo, no seu corazón; agora sabemos que nos nosos, sempre vivirás ti. Boa viaxe Bran”.

A directiva saínte lamenta que tivo “escaso apoio”

Fronte ás 23 persoas da nova xunta, a anterior só contou con tres membros: Teresa Fernández, Luis Novo e Alberto Domínguez. Houbo un cuarto membro, María José Fernández, que por cuestións laborais abandonou a directiva tralo Entroido de 2020. A nova directiva non mantivo contactos con estas catro persoas, asegura Fernández, por se querían seguir traballando na Empanada trala pandemia, xa que nin en 2020 nin en 2021 pudido celebrarse esta cita gastronómica. En realidade, o Entroido foi a única actividade que puido organizar esta directiva en 2020, como lembra Teresa Fernández, ca que despois irrumpiu a pandemia sanitaria. Mantívose tamén o concerto de Pauliña en agosto de 2020, e a directiva acometeu o gasto do arreglo floral da igrexa durante os festexos de agosto, así como da pirotecnia. Fernández sinala que todas as facturas destes gastos están á disposición dos socios, e lamenta que na asemblea deste venres non se abordase o estado de contas da asociación. Fernández engade que na conta da Empanada “empezaron a faltar de 200 en 200 euros” para pagar unha débeda contraida pola anterior directiva, e da que o seu equipo non fora informado.