“Pensada para que as xentes de Tui poidan desfrutar duns días de agasallo cultural e de lecer”, destacando que “a cultura é segura”, así foi como presentaron a programación de San Telmo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente.

As actividades, dirixidas a todos os públicos, deron comezo onte mércores e prolongaranse ata o luns, festividade local e día grande do patrón que por mor da pandemia non se festexará como de costume pero desta vez, a diferencia do ano pasado que se celebrou un San Telmo virtual, si está programada unha intensa axenda cultural cuncha vintena de eventos musicais, circenses, de teatro, cine, maxia e acrobacias todos os días, na carpa instalada no Paseo da Corredoira ás 18.00 horas e no Teatro Municipal ás 20.00 horas, ademais non faltará a animación de rúa, polas tardes ás 5 e ás 7. A maiores, a fin de semana intensificarase a actividade musical con diferentes actuacións da Banda de Música Popular de Tui e pasarrúas de charangas e o luns de San Telmo celebrarase a gala dos Premios Cidade de Tui “un recoñecemento institucional para persoas e colectivos que traballaron e fixeron deste concello o que é”, apuntou o rexedor local.

Para asistir aos eventos que se celebren na carpa (con capacidade de120 cadeiras ) e no Teatro (180 butacas) é preciso reservar entrada, de balde, a través da web tui.gal

Estampas Anagrámicas

“Estampas anagrámicas” é o título da mostra do tudense Rafael García Sánchez que poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o 15 de maio. Unha das peculiaridades é que volve a exhibirse na cidade logo de 87 anos, pois o autor achegara esta colección para unha exposición celebrada no Casino tudense en 1934, ano no que se celebraron as festas de San Telmo no mes de xuño.

A segunda singularidade desta mostra é o seu contido. Son 72 láminas coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, á vez que dita combinación logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.

Alberto Estévez Piña e Silverio Rivas, Premios Cidade de Tui á Residencia San Telmo. R.Grobas/ M.G.Brea

Premios Cidade de Tui á Residencia San Telmo, Silverio Rivas e Alberto Estévez Piña

O Concello creou neste 2021 os Premios Cidade de Tui para recoñecer ás persoas ou entidades que teñan realizado unha achega exemplar á vida local. De carácter honorífico, os galardóns entregaranse anualmente nunha gala a celebrar coincidindo coas festas de San Telmo. 

Nesta primeira edición, o xurado outorga o premio na súa categoría colectiva á Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados. O xurado valorou a actividade de acollida aos maiores sen recursos que desenvolven dende 1882 e o feito de que teñan conseguido a implicación dun amplo sector da sociedade tudense con actividades de voluntariado e altruísmo a prol dos residentes. Así, con este galardón quérese recoñecer esta traxectoria de case 140 anos resaltando o labor da comunidade relixiosa, do persoal do centro e dos numerosos voluntarios que colaboran no mesmo.

Na categoría individual os premios recaen no escultor Silverio Rivas e, a título póstumo, en Alberto Estévez Piña. Recentemente falecido, a Estévez Piña recoñéceselle así a súa persoal traxectoria de “incansable animador da vida tudense”, con especial referencia ás festas de San Telmo; o carácter innovador das súas achegas cinematográficas no ámbito do documental, "Romería da morte" (1974) e "Después del silencio" (1978), e o seu traballo de divulgación da historia da localidade a través dos seus blogs e publicacións como corresponsal de FARO DE VIGO en Tui durante dúas décadas. 

O escultor Silverio Rivas, un dos principais expoñentes da arte contemporánea de Galicia, recibe o premio por converter o seu estudo de Paramos nun enclave de referencia da arte galega e nun espazo integrado na contorna, enriquecendo substancialmente coa súa obra o patrimonio cultural tudense.

Programación

Hoxe xoves

17 e 19h no Paseo da Corredoira animación de rúa 3 pompeiras de Barafunda e ás 18h na carpa música Brinca vai de Paco Nogueiras

20 h no Teatro Municipal teatro 32m2 de ButacaZero

Mañá, venres 

17 e 19h no Paseo da Corredoira animación O circo de Pistacatro e ás 18h na carpa Riscando o ceo de Circo Chosco

20h no Teatro música Retornos de Andrea Pousa

Sábado 10

12h na carpa da Corredoira actuación da sección de vento madeira da Banda de Música Popular de Tui e ás 13h pasarrúas a cargo da charanga A Tu Ritmo

17 e 19h na Corredoira animación de rúa Os velocíclopes de Fantoches baj e ás 18h na carpa maxia O Super Heroe de Fran Rei

20h no Teatro música Déixaas de Mercedes Peón

Domingo 11

12h na carpa da Corredoira actuación da sección de vento metal da Banda de Música Popular de Tui e ás 13h pasarruás a cargo da charanga Cantos Somos

17 e 19h na Corredoira Circo Krasnovarak de Troula Animación e ás 18h na carpa Novas tolemaxias do Mago Teto 

20h no Teatro música Las Comarcales de Víctor Coyote

Luns 12

12h na carpa da Corredoira actuación dos grupos de cámara da Banda de Música Popular de Tui

13h no Teatro entrega dos Premios Cidade de Tui

17 e 19h na Corredoira Polis-Tolos de Troula Animación e ás 18h na carpa Uxía Lambona e a Banda Molona

Te puede interesar:

20h no Teatro concerto da Banda de Música Popular de Tui

Para asistir aos eventos que se celebren na carpa (con capacidade de120 cadeiras ) e no Teatro (180 butacas) é preciso reservar entrada, de balde, a través da web tui.gal