Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tolos por vivir

Os mundos de "The Mother Road"

Detalle da portada de "Na estrada".

En 1957, Jack Kerouac publicou Na estrada, unha novela que viña ser unha declaración de ruptura co conformismo do American Way of Life, e que hoxe, medio século despois, Faktoría K nos entrega verquida ao galego por Xesús Fraga.

Kerouac foi, con Allan Ginsberg e William Burroughes, un dos referentes beatniks, aportando ao movemento unha actitude de rebeldía, a través dunha narrativa experimental, cun estilo denominado como prosa espontánea, un chorro de relato no que caben picardías, amores diversos, misticismo e outas moi variadas experiencias narradas por Sal Paradise, alter ego do propio Kerouac. Outros personaxes da novela son Dean Moriarty, pseudónimo de Neal Cassady, hípster admirado polos beats, Carlo Marx, sobrenome de Ginsberg, e Old Bull Lee, en referencia a Burroughs.

Deste xeito, o camiño, a vida na estrada, coa mochila nos ombreiros viría ser, daquela, o símbolo de toda unha xeración. Na estrada converteuse deste xeito nunha biblia para a xuventude norteamericana naquela altura, e o seu poder de atracción continuou deica os nosos días, xa que cada ano se venden 100.000 exemplares desta obra que foi escrita nun único rolo en menos dun mes. Iso si: o autor tomara moitas notas e fixo unha corrección precisa do texto.

Desde logo, o libro fala de viaxes ao longo de Estados Unidos e dunha parte de México e puxo de moda a famosa ruta 66. A prosa espontánea procuraba así mesmo replicar na escrita a música de Charlie Parker, prescindindo de toda regularidade esquemática para crear un ritmo frenético, furioso e caótico. Sexo, drogas, alcohol, ansia de liberdade, afán de explorar o lado máis salvaxe da vida... velaí, entón, os elementos dunha viaxe que constitúe unha fin en si mesma.

KEROUAC, Jack, Na estrada, Faktoría K, Pontevedra, 2020, PVP. 18 €

Compartir el artículo

stats