Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ulises migrante en Bos Aires

Santiago Cortegoso co CDG

Mosaico romano amosando a Ulises no episodio da illa das sereas.

Konstantinos Kavafis (1863-1933) titulou "Ítaca" un dos seus poemas máis famosos e celebrados, escrito en 1911, no que traslada, cun estilo maxistral en que épica e lírica se mesturan de forma intanxible, a idea de que na viaxe o que menos importa é chegar ao destino senón os camiños que andamos e que alá nos levan, debuxando longos meandros. Reparando máis nos gozos de Odiseo que nas calamidades, insta ao lector a pedir que a viaxe, e con ela a vida, sexa longa, rica en experiencias e coñecemento. Pois é nese facer o camiño onde imos gañar o que teñamos que gañar, se é que hai algo que gañar para alén da propia viaxe.

Tal foi parte da vida de quen en Roma chamaron Ulises, un dos personaxes máis singulares da Iliada, que participa en fitos fundamentais da narrativa átrida, que coñecemos con Homero e outros grandes poetas épicos e tráxicos da Grecia, desde convencer a Aquiles para que se una á expedición aquea ata imaxinar un cabalo co que tomar a cidade inexpugnable. Mais Odiseo, na súa caracterización e conduta, supón un marcado contrapunto fronte a heroes coma Néstor e Príamo, ou heroínas coma Hécuba ou Andrómaca. Carece da condición medio divina pero tamén moral da maioría dos personaxes e mostra un perfil máis mundano, ao estar dominado polas leis da natureza e as súas demandas; nos seus actos abrolla a condición humana máis escura se reparamos en episodios nos que aseñora un carácter argalleiro, e velaí a acusación falsa contra Palamedes que rematará coa execución deste por traidor, o abandono de Filoctetes (recluído dez anos en Lemnos), ou os argumentos amañados para quedar coas armas de Aquiles, o que provoca a tolemia de Aiax e a súa morte. Non esquecemos que cando Agamenón e Menelao lle piden que se una á expedición de guerra, finxe estar tolo para non acompañalos. Platón escribiu un diálogo sobre tales cuestións, o Hípias menor.

Kavafis tamén é autor doutro poema, escrito antes de 1911 e titulado “A cidade”, onde nos traslada unha idea complementaria, a de que por moito que se queira fuxir da cidade, ela sempre vai con nós, e nós nela, pois nin hai camiños nin barcos para escapar do pasado, da terra, da familia, do rueiro mesmo onde nos criamos. Rematada a guerra e destruída Troia, Odiseo vai e vén polas illas do Mediterráneo, sumando penares, mesmo gozosos, antes de volver á súa terra, onde abrollan conflitos, pois a paz non é posible, ao enfrontar ás ruínas da propia vida, derrubada ao partir. Porén, un sino ben peor agardaba polo rei de Micenas. A vida como fonte de aporías.

Santiago Cortegoso.

"O charco de Ulises"

Na peza titulada O charco de Ulises, que vén de editar Positivas, e que serve de pretexto literario ao espectáculo homónimo que presentou o Centro Dramático Galego con dirección de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, este último, seu autor, actualiza a viaxe de Odiseo, que compara coa dos moitos migrantes que tentaron facer as Américas, pelexando por mellorar a vida e retornar gozosos e vencedores á patria mostrando fartura e fortuna, ben que nin todos puideron volver nin todos o fixeron con gloria e riquezas. Mais ben ao contrario, como lle aconteceu ao pai de Migueliño, en relato magnífico de Castelao (El Pueblo Gallego, 1926) ou como lemos en Almas mortas (1922) o drama social de Antón Villar Ponte.

Seguindo a estrutura do texto atribuído a Homero, O charco de Ulises inclúe catorce cantos e un epílogo, nos que se debullan antecedentes e episodios diversos nas peripecias cruzadas de Penélope, a muller que agarda, Telémaco, o fillo que anda á procura de respostas, e Ulises, o home que debe volver á terra, e acaba finalmente nunha residencia onde queda ao coidado dunha enfermeira de nome Calipso, a muller que todo lle ofrecera a Odiseo e que este rexeitara, alimentando unha vinganza certa.

Unha peza construída a partir de viñetas, sen máis fío condutor que as esperas e procuras deste ou daquel personaxe, abundante en anacronismos explícitos, que refuga calquera tentativa épica ou lírica, e cunha orientación máis próxima ao vello drama satírico, xénero onde máis brillou na escena o vello Odiseo, na peza que Eurípides nos legou co nome de O Ciclope. Mesmo se podería falar dunha sorte de estética do loureiro, enxebrismo novo, mais debedor dunha tradición burlesca vedraña, na que tanto destacaron Sofrón, Herondas ou Partenio de Nicea.

Volver

Así se titula un dos tangos máis célebres na historia do xénero, debido ao músico Carlos Gardel e ao letrista e poeta Alfredo Le Pera, que o presentan en 1934 e constitúe unha outra maneira de reflectir con palabras todo aquilo que verbo de viaxes, retornos e fuxidas nos trasladou o vello poeta da vella cidade, como adoitaba chamalo Lawrence Durrell, autor de catro fermosas novelas unidas baixo o título de El Cuarteto de Alejandría, catro cantos ao poder evocador da memoria, que a miúdo encirra dor e pesadume. Coma Homero, magníficos poetas da memoria todos eles.

Coma Odiseo, tamén os emigrantes viven co alento de volver, con esperanza e ilusión, a aquel vello recanto onde todo comezou, seguramente onde foi o amor primeiro, lembranza doce ou aceda. Un desexo, que, como lembra Fran Núñez na presentación do volume, tamén vai acompañado do medo ao retorno. Aínda que o tal medo mesmo poida burbullar do terror a habitar de novo a rutina vella da que se fuxiu, do pánico a quedar atrapado para sempre na xeografía xa sabida, do medo a renunciar a viaxe permanente que nos pedía vivir Kavafis, malia que xamais abandonemos os vellos rueiros, aínda que os chamen Corrientes ou Esmeralda.

Compartir el artículo

stats