Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cerámicas de Elena Colmeiro

O material como baseamento creativo

Pezas da artista. | FOTOS: ELI REGUEIRA / ARCHIVO FARO

Pezas da artista.

Pezas da artista.

Pezas da artista.

Elena Colmeiro diante dunha das súas obras, no transcurso dunha exposición en Pontevedra. | FOTOS: ELI REGUEIRA / ARCHIVO FARO

Pezas da artista.

Pezas da artista.

O pasado 25 de febreiro finou en Madrid a escultora Elena Colmeiro (1932-2021), unha artista que destacou pola súa rigorosa achega ao debate artístico contemporáneo que fixo dela unha das principais figuras dentro do labor ceramístico das últimas décadas.

A procura dun lugar para a comunicación, dun ámbito propio, é un dos retos da arte actual –acosada pola hexemonía dos novos medios de expresión–, un camiño en que os escultores tiveron e teñen que afrontar a eterna relación co plano e co volume no espazo e precisan facelo por medio do uso de diversas estratexias que reformulen a relación co soporte, co espazo ou coa cor. En xeral os vieiros posíbeis van desde primar o purismo da materia ou/e a cor e a reafirmación dos valores táctiles até o establecemento de ligazóns con outros medios de expresión: pintura, música, poesía, fotografía...

Estas reflexións teñen moito que ver coa obra de Elena Colmeiro que desenvolveu unha traxectoria marcada por unha vontade de afondar, desde unha ollada extremadamente persoal e rigorosa, sobre algúns dos problemas da tradición plástica; e fíxoo desde un medio, a cerámica, que até ben avanzado o século XX estaba marcado por un uso artesanal, do que esta técnica foi saíndo na segunda metade da centuria, para entroncar coa evolución da escultura e a pintura da contemporaneidade.

Desde os seus primeiros traballos, Elena Colmeiro conectou con esta sensibilidade contemporánea e dotou a súa cerámica dunha suxestión rítmica que rompía a habitual distinción externo / interno do medio ceramístico máis tradicional ao tempo que dialogaba coas correntes da abstracción matérica, presente na pintura europea e americana desde finais dos anos corenta. Na súa evolución, a autora agudizou a súa construción analítica nun sentido purista, esencializador, que se explicitaba con toda rotundidade en obras xa dos anos sesenta. Nelas entrecrúzanse planos e texturas, que se manifestan como conceptos esenciais, abstractos, no seu sentido de extrema depuración. É un exemplo da conquista dun ideal formal absoluto, que debemos entender situando estas obras entre os mellores exemplos no panorama de reformulación das correntes da abstracción. Nelas a artista acentuaba os matices cromáticos dos distintos compoñentes materiais, matizados polos xogos lumínicos e táctiles.

Elena Colmeiro converteu así unhas obras que poderían situarse nun proceso puramente formalista nun mundo completamente diferente e cargado de suxestións, xa que o punto de partida estaba sempre no traballo de investigación coa materia, escolmada e sometida a unha fonda revisión para transmitir o tacto, a cor, a súa intensa materialidade, para procurar no espectador reflexión e emoción e establecer unha relación entre a materia e a linguaxe que se fundamentaba na capacidade da materia de posibilitar cadeas de pensamento e emoción. Neste senso, a artista propúxose un afondamento nun aspecto especialmente relevante da tradición da relación entre as distinas artes, nunha vontade de superación das fronteiras entre as artes –escultura, cerámica, pintura–.

Mais a obra de Elena Colmeiro foi e é sobre todo escultura, unha escultura que parte desde o cerámico, que é a camada profunda da súa obra, o substrato, a pura materialidade, vacuidade de silencio sobre a que calquera imaxe abre un mundo de suxestións e diálogos, o que a levou a crear unha realidade de comunicación en que o material dá a pauta de relación co outro. A artista, sobre este fondo, forzaba a forma, intensificaba as calidades cromáticas e evidenciaba o seu interese pola plasticidade dos diversos materiais, para construír así un magma creativo a partir do que agromaba a materia dotada dunha intensa e nova realidade.

O soporte como obxecto artístico

Outro aspecto salientábel da concepción artística de Elena Colmeiro foi o interese polo soporte. A armazón, como teñen resaltado un variado conxunto de artistas e críticos actuais, non é un tema intranscendente, ben pola contra, constitúe tamén para moitos artistas un xeito de encontrar outra dimensión para o obxecto, e polo tanto un elemento fundamental na creación plástica. Elena Colmeiro afrontou este reto desde unha clara vontade de construción, para desde a armazón abrir unha nova maneira de entender o traballo artístico.

A súa foi unha actitude plenamente artesanal que fixo que o soporte e o volume se conformasen un todo –como nas súas lousas a xeito de muros de tixolo– constituído como un “obxecto” autónomo, como un artefacto de comunicación, que lle permitiu á artista unha relación máis achegada, máis obxectual, feito que se transmite tamén ao espectador que percibe o aspecto táctil e pleno da obra.

Este aspecto constitúe unha mostra –e non a menor– da rica dialéctica que a autora pretendía –proceso artesanal, ideas conceptuais– aparente paradoxo que era resolto no espazo, na rica plasticidade e na rotundidade argumental, que caracterizou todo o seu traballo creativo.

Compartir el artículo

stats