Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras afiadas

O Eterno Combate de SonDaRúa

SonDaRúa: hip-hop, rock, reggae, folk, letras afiadas... no seu Eterno Combate.

O cantautor Suso Vaamonde (Ponteareas, 1950-Vigo, 2000).

Son tempos convulsos para facer rap no Estado Español. Agora está nos medios o caso Pablo Hasél, o rapeiro catalán que vén de entrar en prisión pola comisión de varios delitos entre os que están os de inxurias á coroa e ás forzas e corpos de seguridade, mais cómpre non esquecermos que aínda en xuño de 2020 os integrantes do colectivo La Insurgencia, varios deles vigueses, foron condeados a dous anos e medio de prisión polas letras das súas cancións ou que o mallorquín Valtonyc se atopa exilado en Bélxica para escapar á acción da xustiza española polo mesmo motivo.

Esta deriva represiva ten acadado tamén rapeiros cunha traxectoria máis consolidada, como César Strawberry de Def Con Dos, e ten provocado a reaccións de organizacións como Amnistía Internacional, que ve con abraio como desde a entrada en vigor da chamada Lei Mordaza o 1 de xullo de 2015 se suceden as denuncias cunha lei que, na opinión desta organización de defensa dos dereitos humanos, dana liberdades básicas como a de expresión ou información.

Precisamente, a entrada en prisión de Pablo Hasél propiciou a publicación dun manifesto de apoio por parte de moitas persoas vinculadas ao mundo da cultura en todo o estado, desde Pedro Almodóvar até Fermín Muguruza, pasando por Alba Flores, Luis Tosar, Joan Manuel Serrat, Montxo Armendáriz, Emma Suárez ou Frank T. Máis de 200 persoas e colectivos quixeron amosar o seu apoio á liberación do rapeiro e á eliminación do Código Penal deses delitos máis propios da Idade Media ca do século XXI. Entre eles eran maioría os vencellados ao mundo do hip-hop, aparecendo na listaxe algúns dos nomes senlleiros deste estilo en Galiza, como Dios Ke Te Crew, Ezetaerre, Yimi You Rek ou os ponteareáns SonDaRúa.

Precisamente con Hugo Guezeta, un dos mc’s desta formación do Condado, conversaba Mar Mato nas páxinas de FARO DE VIGO hai un par de semanas por mor da entrada en prisión de Hasél, de quen falan SonDaRúa no seu tema “A Voz da Resistencia”, e o rapeiro de Ponteareas mostraba a súa preocupación pola “autocensura” que pode provocar a execución desta sentenza que ve como un “toque de atención” ao mundo da cultura.

Entrementres agardamos a que sexa publicada a nova produción de SonDaRúa, o sinxelo “Duro” que gravaron canda O Pirata, un rapeiro de Maceda (Ourense), e que subirán ás redes o vindeiro 5 de marzo, para saber se se albisca sequera unha migalla de censura nas letras, sempre críticas e acedas, de SonDaRúa é bo momento para lembrar o seu primeiro LP, Eterno Combate (Playplan, 2020) –antes publicaran un disco curto de cinco cancións no 2018– traballo que foi presentado en pleno confinamento o ano pasado e que apenas tivo percorrido nos escenarios por mor da pandemia.Son doce cancións, un estilo ecléctico que bebe do hip-hop dos 90 pero tamén do rock, do reggae e até do folclore galego, para as instrumentais e letras afiadas, que sinalan con claridade as inquedanzas do grupo. Dous mc’s, Hugo Guezeta e Alex Arnoso, e un DJ, That Bass, que xa desde a Intro apuntan ben alto: preséntannos o mellor disco que pariu Galiza. Probabelmente non o é, mais si que pode ser entendido como un paso de xigante para converter SonDaRúa nun dos grupos de hip-hop máis prometedores desta nova década.

A frescura das bases vainos facendo chimpar da sinxeleza naif de “Tumbar ao xigante” –produción de Petrowski que nos permite escoitar a Arnoso e Hugo cantando o retrouso– cara ao reggae do tema que dá nome ao disco, producido por Javier Vicalo, e no que os mc’s creban as súas voces para se introducir no raggamuffin. De aí, a producións máis propias do rap, asinadas por Arnoso e That Bass que brilla cos scratches en “O plan”, instrumental na que unha das poucas voces que aparecen é a do eterno Miro Pereira. Tamén hai oco no disco para as colaboracións. A moi agardada con Ezetaerre –unha outra banda nova e exitosa o hip hop galego– que se alonga ademais coas dúas producións que Petrowski asina no disco, a devandita “Tumbar ao xigante” e “Animal”, potentísimo punto álxido do traballo. Os seus veciños Skandalo GZ aparecen en “Pontakas Antifa” mais quizais a menos agardada, por iso máis sorprendente, das colaboracións sexa “Éxodo”, con Navia Rivas, puro sentimento a falar da sempiterna emigración.

Memoria de Vaamonde

É curioso que sexa o rap o estilo musical que está a ter máis problemas cos recortes na liberdade de expresión. O punk, por exemplo, sempre tivo letras controvertidas. Repasen simplemente a discografía de Siniestro Total, co tema “Fuimos un grupo vigués” incluído, e veráno. Iso sen ter en conta que non todas as bandas están dotadas da sutileza e retranca de Siniestro. Porén, e do mesmo xeito que non se entendería que a xustiza condenase un actor que nunha representación teatral diga calquera cousa, semellaba que a liberdade artística amparaba os creadores, por controvertida ou reprobábel que puidese ser a súa obra.

Con todo, isto non foi sempre así e hai agora corenta e un anos un cantautor galego, Suso Vaamonde, tivo que emprender o camiño do exilio por mor da súa actividade artística. Todo porque nun concerto na praza de touros de Pontevedra, o 3 de xuño de 1979, lle engadiu unha estrofa ao seu tema “Uah!”, esa que comeza “Sempre que falan de España...”, que non foi do agrado dun tenente do exército e militante de Fuerza Nueva que se encontraba sorprendentemente entre o público asistente a aquel recital antinuclear. Vaamonde foi sentenciado a seis anos e un día de prisión e decidiu coller o camiño de exilio, primeiro por Europa para despois se instalar en Caracas. Volveu catro anos despois, e aínda tivo que pasar corenta e seis días na prisión de Ourense antes de que lle chegase o indulto.

Compartir el artículo

stats