Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O encubrimento de América

Historia do pensamento (14)

Cartel do film 1492: a conquista do paraíso (1992).

12 de outubro de 1492. Ese día Rodrigo de Triana avistaba terra dende a Pinta, unha das naves que baixo o mando de Colón partiran o 3 de agosto cara á India, a onde Castela pretendía chegar antes de que o fixeran os portugueses, que levaban anos explorando unha ruta seguindo o litoral africano. Porén, Colón chegou a un lugar que non soubo recoñecer, ao non ser quen de identificar esas terras con Cipango, China ou India. Nas viaxes posteriores realizadas entre 1493 e 1504, procurou identificar o punto exacto de Asia a onde chegara..., unha misión imposible!

Entre tanto, a partir do ano 1493, tanto os reis de Portugal como de Castela autorizaron novas viaxes cara ás Indias seguindo a ruta occidental, o que levou obrigou a delimitar as súas áreas de influencia: ao oeste do meridiano 46 O sería a área castelá; ao leste, portuguesa, como se acordou no Tratado de Tordesillas (1494). Paralelamente, seguindo a ruta africana, o navegante Vasco de Gama chegaba á ‘cidade das especias’, a lendaria Calicut, o 20 de maio de 1498.

Ora ben, grazas aos novos coñecementos xeográficos adquiridos neses anos e á súa propia experiencia, en 1503 o cosmógrafo florentino Amerigo Vespucci publicou Mundus Novus, unha obra na que sostiña que as terras que se estaban a explorar seguindo a ruta occidental cara ás Indias pertencían a un ‘Novo Mundo’ –o que confirmou na Carta a Soderini (1505)–, ao que o cartógrafo alemán Martin Waldseemüller lle deu o nome de América no planisferio Universalis Cosmographia (1507). Ademais, se quedase algunha dúbida ao respecto, a viaxe de circunnavegación realizada por Magallães e Elcano (1519-1522) supuxo a confirmación definitiva da existencia dun ‘Novo Mundo’ disposto de xeito lonxitudinal entre medio de Europa e Asia viaxando cara ao oeste.

Daquela, aínda que Colón non foi consciente de ter chegado a un novo continente (ou si, pero esa é outra historia...), ao facer posible o ‘descubrimento de América para os europeos’ nun momento histórico moi diferente aos contactos anteriores protagonizados por outros pobos, fixo posible a condición necesaria para o desenvolvemento mundial europeo ao permitir: primeiro, a expansión territorial europea fóra dos seus límites continentais; segundo, a construción do eurocentrismo, baseado no proceso de ocultación e destrución do mundo amerindio; e, terceiro, a usurpación dos recursos naturais e humanos deses novos territorios, o que fixo posible o despegue definitivo do capitalismo. Tres condicións que só foron posibles a través da conquista, un proceso relativamente curto no que o reino de Castela someteu ao Imperio azteca (1521) e ao Imperio inca (1533), e posterior colonización, que supuxo o exterminio –voluntario, a través da violencia exercida polas tropas castelás, e involuntario, por medio da difusión de enfermidades– da poboación indíxena amerindia, que a súa vez foi obrigada á realización de traballos forzados en actividades mineiras e agrícolas e o inicio da escravitude, da que se ten constancia dende 1502.

Do descubrimento ao encubrimento: Velaí a razón pola que o filósofo arxentino Enrique Dussel afirma no seu libro 1492 (Encrucillada, 1992), que o encontro entre os dous mundos que sostén a historiografía moderna, foi un choque frontal que rematou coa ocultación, negación e exterminio do mundo amerindio, que define como un proceso de encubrimento do Outro desenvolvido en catro fases: primeira, a invención do ser asiático das novas terras; segunda, o descubrimento, mecanismo que converte esas terras habitadas por pobos orixinarios no Novo Mundo europeo; e, terceira e cuarta, a conquista e a colonización, que culmina a negación do Outro mediante o seu exterminio.

Amerigo Vespucci (1454-1512)

J.S. Elcano (1485-1526)

J.S. Elcano (1485-1526)

Vasco da Gama (1460-1524)

Definindo o “home universal”

No ano 1510 frei Antón de Montesinos levantou a súa voz a favor dos indios. A resposta: a convocatoria dunha xuntanza de teólogos e xuristas na que se discutiu a natureza dos indios, aos que se lles recoñeceu a condición de homes libres, como se recolle nas leis de Burgos (1512).

No ano 1532 Francisco de Vitoria defendía na súa obra De indis que os indios non son seres inferiores, senón que posúen os mesmos dereitos que calquera outro humano e son donos das súas terras e dos seus bens, polo que a súa obra influíu decisivamente na elaboración das Leis Novas (1542), un texto lexislativo co que se pretendía mellorar as condicións de vida dos indios.

A polémica sobre os naturais rexurdiu de novo en 1550, momento en que se celebrou a Xunta de Valladolid, na que se enfrontaron dúas formas de entender a conquista e colonización de América: a defendida por Bartolomé de las Casas, quen se manifestou en defensa dos dereitos dos indios; e a defendida por Ginés de Sepúlveda, quen baseándose na inferioridade dos indios defendía o dereito dos casteláns a conquistar e someter aos indíxenas. A xunta rematou sen unha resolución final, polo que na práctica triunfou a tese dos colonos, a defendida por Sepúlveda; porén, á longa, deste debate xurdiu a doutrina da universalidade dos dereitos humanos.

Compartir el artículo

stats