Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía sobria

Con intensidade e calidade

Poesía sobria

Arancha Nogueira é autora dunha obra xa densa ao tempo que comprimida nun espazo breve de tempo. Dende 2018 leva publicados sete poemarios. En condicións normais, sen unha análise previa, poderíamos pensar que tanta proliferación creativa puidese dañar a calidade da obra e entraríamos nela con certa precaución, mais lendo este seu #hashtags…, aínda que só sexa por el, podemos pensar que está nun proceso creativo intenso e ben frutífero.

Cunha estrutura externa marcada polas dúas grandes ligazóns partilladas entre o espazo e o confinamento agónico, Arancha Nogueira sérvese da nova linguaxe da informática e redes sociais para inserilas nas diferentes propostas ou inquedanzas que se van presentando ao longo do poema. As subpartes, en principio, son as mesmas, mais relacionadas con cada unha das palabras clave: “espazo” e “confinamento”. A partir de aquí percibimos a actualización das inquedanzas e sentimentos do eu lírico. As preocupacións duns tempos nos que a crítica social, o humor acedo son parte da análise necesaria nunha poesía moi actual e achegada.

Non pense o lector que o feito de desenvolver esta actualización na que se teñen tan en conta os novos códigos implicaría unha poesía máis fría ou fóra do que tradicionalmente consideramos poesía en estado puro. É unha poesía sobria, argallada con talento e cunhas doses de valentía, se se quere, innovadora, que en certos aspectos pode lembra a poetas como Calros Solla pola mestura entre a innovación formal e a audacia e sensibilidade coa que chegan a aqueles temas de importancia capital para os máis.

Cremos que Arancha Nogueira representa unha nova xeración de poetas que desempeña exactamente unha das funcións que se requiren deles. Ser testemuñas líricas dun mundo que avanza rápido e con sorpresas non esperadas. Hai que ter destreza para conxugar a capacidade de captar, analizar e descodificar todos eses espazos, mesmo os espazos confinados, e mais a intensidade e calidade lírica que é o único que queremos que non cambie nunca. A autora conségueo, e deixa unha obra de interese para os lectores e lectoras reflexivos e atentos aos novos tempos e novas sensacións deste estraño novo mundo.

NOGUEIRA, Arancha, #hashtags para un espazo/confinamento agónico, Positivas, Santiago, 2020, PVP. 7 €

Poesía sobria

Poesía sobria

Compartir el artículo

stats