Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viveza e axilidade

Un puro divertimento

Viveza e axilidade

A editora compostelá Hugin e Munin vén de entregar unha curta novela policiaca, Na néboa, do escritor e xornalista norteamericano Richard Harding Davis (1864-1916) –o texto foi verquido á nosa lingua por María Alonso Seisdedos, quen conta ca cun monllo importante de traducións–. Trátase dunha obra que segue os pasos do xénero estudados por Rogert Callois (1940): crime, pescuda, solución. Estamos diante dunha narración enmarcada, con varios narradores, que leva o lector cara a solución dun enigma, na liña que despois seguirá Agatha Christie, cos seus misterios, falsas pistas, e insinuacións sobre os acontecimentos, que están vistos aquí cunha técnica restrospectiva. O ambiente reflite a época vitoriana, cun club de selectos aristócratas, e mesmo ten protagonismo unha princesa rusa.

O título fai alusión á mítica e tópica brétema do Londres de antano, a linguaxe é sinxela e os diálogos amosan unha viveza e axilidade que fan avanzar a trama cara a un final de sorpresa amable, por non dicir de enxeñoso engano. Desde logo nada máis lonxe da novela negra, porque Na néboa é unha obra de imaxinación, puro divertimento que só pretende entreter e manter a atención do lector co misterio. Non desvelaremos o final, pero si diremos que calquera turbulencia moral que asociemos á trama queda disipada por unha conclusión case anxelical.

O autor foi amigo e asesor do presidente Roosevelt, tivo moito éxito de vendas coas súas novelas e destacou como correspondente de guerra nos grandes conflitos mundiais do seu tempo: Guerra hispano-estadounidense, a ruso-xaponesa e a Primeira Guerra Mundial. Nesta última, sería acusado de espía polos alemáns.

HARDING DAVIS, R., Na néboa, Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2020, 12 €

Viveza e axilidade

Viveza e axilidade

Compartir el artículo

stats