Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día das Letras Galegas 2021

As Letras de Xela Arias

Crónica dunha vocación innovadora

Xela Arias nun debuxo da autoría do pintor e ilustrador Xosé Guillermo

A complexidade que encerra a celebración do Día das Letras Galegas, na que se ven implicados axentes e intereses diversos, intensificouse este ano polo contexto no que se está a desenvolver. A demora na decisión da Academia e as restricións e incertezas derivadas da pandemia conferiron un carácter especial a unha efeméride na que o streaming e as redes sociais acadaron un inusual protagonismo.

Con independencia da polémica suscitada pola negativa a non prorrogar o ano de Carvalho Calero, a figura de Xela Arias semellaba acaída para canles de comunicación emerxentes e tamén, pola súa modernidade, para achegar a literatura galega ao público máis novo. Alén diso, o seu nome viña sendo reivindicado desde había anos para o canon da poesía galega contemporánea.

A homenaxe do Día das Letras preséntase como unha boa ocasión para a (re)lectura dunha obra que fora quedando un tanto ensombrecida polo brillo impar da súa autora. O falecemento, inesperado e temperán, contribuíu sen dúbida a construír a memoria e a figura literaria, e a deixar nun segundo plano a lectura duns textos que pouco a pouco foron desaparecendo dos andeis das librarías. Á hora de celebrarmos a Xela Arias, é polo tanto fundamental recordar a súa importante contribución á modernización do discurso poético herdado. A actualización, en formas e en temas, levada a cabo pola autora xa desde as súas composicións primeiras, asentou en tres piares: a concepción da poesía como indagación, a experimentación coa linguaxe e a incorporación dunha dimensión social á que ela mesma se referiu, con acerto, como a obriga de “cuestionar a orde das cousas”.

Contribuíu decisivamente á modernización do discurso poético herdado

A vocación innovadora de Xela Arias ten a súa manifestación máis visíbel na transgresión das regras da morfoloxía e a sintaxe. A tensión da linguaxe ‒que en ocasións chega até a ruptura‒, o emprego libérrimo dos pronomes, a creación de neoloxismos, a introdución de inquietantes espazos en branco ou a creación de imaxes insólitas son algúns dos procedementos que causan estrañamento na lectura e converten a lingua poética de Xela Arias nun código inconfundíbel. Outro trazo de modernidade na poética da autora atópase no seu interese pola experimentación interartística. Os poemas ilustrados por Xosé Guillermo ou Pedro Sardiña, o libro de fotografía e texto Tigres coma cabalos, con Xulio Gil, e as colaboracións poético-musicais con Alberto Conde, Antón Pulido Cid e Fernando Abreu constitúen unha boa proba disto.

Do labor creativo de Xela Arias cómpre destacar tamén outros camiños apenas iniciados e polos que non decidiu transitar: a prosa de non ficción (artigos de opinión e textos para a oralidade) e a narrativa. Con respecto a esta última, a composición “Que si que si”, escrita para o libro Contos eróticos / Elas (1990) é unha mostra máis da capacidade da autora para asumir novos retos, e tamén do seu compromiso coa normalización da cultura galega. O proxecto Non te amola! (2021), que Valentín Arias data á altura de 1991 e Xulio Gil considera posterior ao nacemento do seu fillo Darío, achega unha faceta descoñecida dunha escritora que experimentou coa autoficción mediante a construción da voz narrativa dunha nena de nove anos que relata a súa infancia.

O compromiso coa normalización da cultura galega evidénciase tamén na progresiva implicación de Xela Arias no traballo editorial e no seu labor pioneiro na tradución. A escritora foi consciente da necesidade tanto de fixar un estándar como de crear un corpus de literatura universal vertida ao galego. Neste senso, e desde as súas conviccións normativas, non exentas de polémica, tomou partido nos debates do momento.

A traxectoria vital e literaria de Xela Arias estivo sempre fundamentada nun ideal de independencia que a levou a marcar os seus propios tempos e a se afastar de modas, tendencias e grupos.

As Letras de Xela Arias homenaxean, en consecuencia, unha figura fondamente implicada na normalización lingüística e na modernización da cultura galega do seu momento. E homenaxean tamén unha escritora dona dunha das voces máis orixinais e indómitas da poesía galega contemporánea.

Compartir el artículo

stats