Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Xavier González García Profesor de Historia Antiga

“Os castrexos non existiron como pobo, senón como cultura”

Francisco Xavier González Garcia, na Coruña. CARLOS PARDELLAS

En Celtas, castrexos e romanos (Xerais), García González sintetiza os principais episodios da antigüidade galaica: uns procesos que non poden entenderse sen o protagonismo dos distintos pobos que viviron nun espazo xeográfico que sobordaba o actual territorio de Galicia

¿Cando Vde. se refire aos “celtas de Galicia”, de quen está a falar realmente? Cal era a súa procedencia e cando viñeron asentar no territorio que habitamos?

–Trátase fundamentalmente dos imaxinados por autores como Vicetto, Murguía, Risco ou Otero Pedrayo, para explicar a singularidade de Galicia. No libro tamén me deteño no problema da existencia de celtas na Antigüidade galaica; unha presenza que resulta evidente se atendemos aos múltiples elementos léxicos célticos existentes na toponimia antiga e moderna. O celta que se falou en Galicia parece caracterizarse por uns trazos propios, e moi antigos, que o diferencian do falado noutras área da Península o Europa. Responder de xeito claro e preciso á segunda parte da pregunta é mais difícil, pois, na actualidade, para explicar a expansión celta manéxanse distintas hipóteses que substitúen a explicación, fundamentalmente arqueolóxica, desenvolvida dende o século XIX.

–Trátase, entón, daqueles aos que denominamos castrexos?

–No libro explícanse as utilizacións e mais as apropiacións da protohistoria e da Antigüidade galaica na historiografía galega dende o XIX ata a actualidade, comezando polos celtas. A crítica ao celtismo supuxo a creación duns novos devanceiros, os castrexos, a partir da importancia do castro no rexistro arqueolóxico da Idade do Ferro galega. A cultura castrexa, un concepto en orixe exclusivamente arqueolóxico, promoveuse á categoría de cultura nun sentido amplo e os castrexos pasaron a converterse no pobo antigo que permitía explicar o máis remoto pasado galaico, substituíndo os celtas no imaxinario galego como prestixiosos devanceiros.

–Nalgunha etapa foron realmente os celtas os poboadores predominantes en Galicia ou trátase dunha tribo máis dos moitas que aquí había?

–Ata mediados do século XX dominou a idea dun predominio do elemento céltico; actualmente pensamos nunha situación culturalmente máis complexa. Nos castros galegos maniféstanse distintas tradicións construtivas, decorativas, cerámicas, etc. que indican a existencia de certa diversidade. A lingüística tamén indica a coexistencia de linguas celtas e non celtas, como o lusitano. Os autores antigos mencionan moitas comunidades indíxenas, algunhas identificables, polos seus nomes, como de orixe celta, dúas delas mesmo denominadas como célticas, e outras non.

Francisco Xavier González Garcia, na Coruña. CARLOS PARDELLAS

–Cando os romanos chegaron a Galicia, con que panorama humano atoparon?

–Como xa dixen, parece ter sido un mundo moito máis variado e diverso do que xeralmente se pensa, tanto no cultural como nas formas organizativas. Esas distintas tradicións lingüísticas e culturais posiblemente desenvolveron, tamén, variantes locais, a consecuencia da fragmentación territorial e da diferente exposición das distintas áreas aos contactos e os influxos exteriores. Existe unha clara diferencia entre as rexións litorais, máis innovadoras e abertas ao mundo e aos cambios, e as interiores, culturalmente máis conservadoras.

–Dedica Vde. un capítulo ao mito do galaico pacífico. Eran todos estes pobos, que habitaban Galicia cando chegaron os romanos, pacíficos ou, polo contrario, maioritariamente guerreiros?

–Son moi poucas as sociedades que non recorren á violencia para solucionar os problemas entre grupos. A maioría das comunidades humanas manteñen cos seus veciños relacións pacíficas ou belicosas, podendo variar co tempo e segundo as circunstancias. Esta sería a situación do mundo galaico prerromano, no que os conflitos entre comunidades deberon ser frecuentes. Así parece indicalo a propia configuración dos castros, nos que, para a súa construción, se buscaban xa dende as súas orixes lugares con encastelamentos naturais que se reforzaban con pequenas obras de fortificación. A guerra, como se sinala no libro, tamén puido ser moi importante na configuración social destes grupos humanos.

–Masacraron indiscriminadamente os romanos aos castrexos ou a súa foi unha ocupación “razoablemente violenta”, tendo en conta a época?

–A presenza de Roma foi violenta, resultado dunha conquista militar. As fontes literarias só falan dun acontecemento sanguento, a toma do Monte Medulio, convertido pola historiografía do XIX no símbolo da perda da liberdade da Galicia céltica; posiblemente non foi o único, se ben non coñecemos ningún outro. As comunidades conquistadas estaban obrigadas ao pago de tributo e o poder romano podía interferir na súa vida; no libro coméntase o caso dun epígrafe, a “Tabula do Bierzo”, no que o emperador Augusto recompensa a fidelidade dunha comunidade indíxena, obrigando a outra, quizais non tan fiel, a asumir as cargas da primeira. Tampouco podemos desbotar a posibilidade, non documentada, de que algunhas poboacións indíxenas fosen escravizadas despois da súa derrota, práctica moi frecuente na guerra antiga. Non podemos falar, porén, dunha ocupación pacífica, nin tampouco considerala unha masacre.

–Cal foi a política lingüística dos romanos con respecto ás linguas (ou lingua) que se falaba daquela en Galicia?

–O libro deixa claro que non se pode falar dunha política cultural no caso do Imperio Romano, nin dun desexo de imposición dos modelos culturais romanos ás comunidades conquistadas. O latín era a lingua da administración romana nas provincias occidentais do imperio; agora ben, non se procuraba rematar coas prácticas lingüísticas ou culturais (relixiosas, legais, organizativas, etc.) das poboacións conquistadas que podían seguir a ser practicadas mentres non fosen en contra dos intereses de Roma. Esta situación cambiaba cando estes grupos pasaban a se rexer polo dereito romano que os obrigaba a configurarse segundo os modelos e usos romanos.

–Adoita afirmarse que os romanos asombráronse da modernidade da arquitectura castrexa e de varios adiantos técnicos na agricultura (a do viño, por exemplo) que atoparon aquí. Isto é unha lenda ou foi unha realidade?

–Unha simple invención. Non lembro confirmación documental ningunha de dito asombro. Autores antigos, como Estrabón, ao falaren dos modos de vida e dos costumes dos galaicos, descríbenos como uns pobos bárbaros, afastados da civilización, habitantes dos confíns occidentais do mundo coñecido, unhas rexións sen verdadeiras cidades. No relacionado co viño, Estrabón infórmanos que esas xentes acostumaban beber cervexa e que o viño, escaso e procedente de fóra do seu territorio, só se consumía en ocasións excepcionais, en festas cos seus parentes.

Compartir el artículo

stats