Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria dun precursor

No bicentenario de Marcial Valladares

Retrato-caricatura de Marcial Valladares (1821-1903). Arquivo Faro

“Amantes do seu país e tenaces en conservar os seus costumes”. Así nos definía a Encyclopédie méthódique (1782), nun dos voluminosos tomos que integraron o proxecto civilizador do enciclopedismo francés. Unha colección que para Robespierre foi o “capítulo primeiro da revolución”. E é que a nosa terra tivo un extenso andar enciclopedista. Houbo autores do setecentos que trataron a realidade galega: Sánchez Vaamonde, Lucas Labrada, Cornide… De entre todos destaca Martín Sarmiento, mente lúcida e portento da intelixencia, capaz de fixar os capítulos do índice patrio. O seu legado foi astronómico, parte del inédito.

Encyclopédie méthódique

Encyclopédie méthódique

A aparición do xornalismo galego, no XIX, impulsou a curiosidade e ancheou o saber. Á par da info política ou económica, incluíronse literatura, ciencia e tecnoloxía. Por exemplo, o Semanario Instructivo. Periódico de agricultura, ciencias naturales y artes (1838), que como novidade incluíu láminas ilustradas. Entre xornais e libros, os rexurdimentistas encargáronse de tomar o pulso da terra e auscultar o espírito do pobo (volksgeist). Por tanto, o elemento popular (como dita o romanticismo) protagonizou este tramo da andaina. A lingua ocupou un lugar cimeiro. Ela é o máis extraordinario milagre das xentes galegas. Unha proeza feita en centurias por milleiros de almas durante o ir e vir de tribos distintas que, ao situarde en lugar privilexiado, foise tornar nun mérito o seu dominio e coñecemento para a elite intelectual provincialista. As palabras domáronas Rosalía, Pondal, Añón… E logo están quen operaron sobre elas, coma quen disecciona un organismo vivo. Destes gramáticos, lexicógrafos ou folcloristas non se fala tanto.

Maxina ou a filla espúrea, 1880-Marcial Valladares

Maxina ou a filla espúrea, 1880-Marcial Valladares

Ambos ríos do saber conflúen en Marcial Valladares, nado hai dous séculos no centro xeográfico (Vilancosta – A Estrada). Autor da primeira novela en galego (Maxina ou a filla espúrea, 1880) así como de relatos e poesías, tamén cotizou horas pra recompilar cancioneiros, refráns, palabras… Tras anos de atenta escoita da fala popular elaborou o Diccionario gallego-castellano (1884), co cal situouse como propulsor da lexicografía. Despois prepara Elementos de gramática gallega (1892), estudo inédito até 1970, ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Velaquí os calostros lingüísticos.

Arredor de todo isto lean o volume do benquerido mestre X. A. Fernández Salgado: Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego (2005). Non podemos esquecer a súa irmá Avelina, poeta en lingua galega mais dunha liña distinta á de Rosalía. En Avelina a poesía descansa sobre motivos relixiosos ou costumistas sen conciencia profunda da lingua como “alma da nación”, conforme dixo Saco Arce. Marcial Valladares, de pensamento conservador e vida regalada, participará como “socio de mérito” na Sociedad del Folk-Lore Gallego (presidida por Pardo Bazán) e será correspondente da RAE. Eis dous certificados de notable valía.

Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego (2005)

Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego (2005)

O Rexurdimento explorou a anatomía nacional. Queríase comprender a existencia da identidade do noso pobo atraveso das palabras, música, paisaxe... Fronte á precariedade de medios puxeron o esforzo por saber sobre nós cando eramos considerados unha quincallada ou unha futura peza disecada pra expor no museo. Isto clarexa can meritorio foi o Rexurdimento e a poderosa vontade dos seus protagonistas, coma o propio Valladares.

A Gran Enciclopedia Gallega (1974) tardou en publicarse, pero converteuse no manual de instrucións pra coñecermos Galiza. Lembro que no salón da casa familiar escollía ao chou os tomos pra revisar fotos da fauna, castelos abandonados, persoeiros ou paisaxes insospeitadas. Así fun descubrindo unha historia pra facer a revolución. Hoxe as enciclopedias foron desafiuzadas pra deixar espazo a obxectos mudos. Todo se consulta en Internet. De tanta info que nos dá, empachámonos. Ao final acudimos aos primeiros resultados sen contrastar que sexan fontes fiables. Éche igual que nas redes triunfan as fakenews ou anécdotas prescindibles ou rexoubes insubstanciais. Entrementres, a revolución necesaria vive nos libros. E berra por nós.

Compartir el artículo

stats