Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Presenzas vívidas

Novas voces para a novela histórica galega

Presenzas vívidas

'As malas mulleres', de Marilar Aleixandre, gañou o Premio Blanco Amor de novela longa 2020. A novela é un fresco sobre as condicións de vida na cadea da Galera, na Coruña, a través de tres mulleres, dúas reais e amplamente coñecidas: Concepción Arenal e Xoana de Vega, e unha de ficción, Sisca, unha presa de quince anos que concentra todas as características, coma un clixé, da poboación reclusa feminina: pobreza, ignorancia... Vítimas convertidas en culpables por un sistema xudicial deseñado para perpetuar os privilexios das clases dominantes. A acción desenvólvese entre os anos 1863 e 1865, nun momento de cambios de alcance en Galicia, en pleno Rexurdimento cultural e durante a decadencia de Isabel II.

A obra, escrita en diversos tons e con distintas voces, quere tamén ser unha homenaxe á literatura galega da época, nomeadamente á de Rosalía de Castro, protagonista indirecta da novela mediante o uso de moitos dos seus poemas. Este xeito de facela partícipe da trama sen aparecer máis alá dos seus textos, é un dos grandes acertos do libro. Tamén aparecen outros testemuños literarios, incluso algúns escritos máis tarde, de Pondal a Cabanillas.A novela procura amosar as inxustizas que a sociedade decimonónica exercía contra as mulleres, en especial contra as pobres, e tamén reivindicar o traballo doutras, con maiores posibilidades políticas e sociais, por reverter a situación.

Aleixandre demostra oficio narrativo, sobre todo cando consegue distanciarse. Nos primeiros planos a sintaxe tropeza, faise redundante e afectada, convértese en prosa militante que logo aborrece. Moitas veces, a narradora apégase tanto á acción que podemos sentir o seu bafo valorando cada personaxe, cada conduta, cada liña de diálogo. Tampouco axuda na fluidez o uso caótico das formas verbais, con transicións do presente continuo ao pasado non sempre xustificadas. As malas mulleres brilla especialmente na ambientación histórica. Aleixandre consegue unha presenza vívida do tempo que relata a partir do máis pequeno, do cotián, do doméstico.

O século XIX foi un dos máis confitivos da historia de Galicia. A novela enfía con habelencia os principais sucesos que teñen relevancia para a trama. A autora mantén o wikipedismo bastante a raia, mais de cando en vez a ansia por explicar feitos históricos con pelos e sinais fíltrase nalgúns diálogos. Tamén é un exceso unir á novela algúns documentos “históricos”, caso dunha listaxe de compras da cadea ou un contrato das mestras do 1923, exemplos do que a crítica literaria Eva Moreda define como “a coidada documentación” e que serven máis para resarcir os esforzos da autora que axudar a mellorar a obra literaria.

ALEIXANDRE, Marilar, As malas mulleres, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 18,05 €

Compartir el artículo

stats