Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recomendable antídoto

Costumismo e realismo

Recomendable antídoto

Hugin e Munin vén de verquer ao galego, en tradución de Alfonso Blanco, a novela O esmoleiro, que transloce a influencia de Zola e dos narradores rusos do XIX. A obra aparece en Galicia nun momento de papanatismo acientífico, na que terraplanistas, antivacinas, charlatáns e inxenuos que parecen anhelar a Idade Media fan ostentación dun escurantismo que defenden con arrogancia.

O narrador omnisciente relata, entón, as vicisitudes que acontecen cando aparece un esmoleiro, mestre en argucias, farsante empedernido e home capaz das maiores tropelías para satisfacer as súas necesidades materiais. A acción desenvólvese nunha aldea de Tesalia, territorio que vive a transición do dominio otomano cara á independencia grega, e na que o protagonista non só se burla da inocente superstición dos paisanos senón tamén do poder opresivo dos gobernantes e da xustiza.

Escrita nunha lingua culta e potente, a narración incide nos aspectos máis negativos da condición humana e amosa unha visión impía da loita pola vida. A natureza é descrita con gran forza e detalle, e os personaxes como seres miserables e incultos, vítimas propicias para un ser tan perverso coma o protagonista, que non se detén nin ante a morte para conseguir a un tempo vinganza e ganancia. Este antiheroe sen escrúpulos lembra os protagonistas da novela picaresca.

O esmoleiro saíu do prelo por entregas entre 1896 e 1898. Libro de referencia en Grecia, resulta moi recomendable como antídoto contra os falabarato. O autor escribiuno en demótico, baixo a influencia non só do naturalismo, senón tamén do costumismo e o realismo.

KARKAVITSAS, Andreas, O esmoleiro, Hugin e Munin, Santiago, 2021, 14,5 €

Compartir el artículo

stats