Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias clásicas e ambiciosas

Obxectivos cumpridos

A Barcelonesa, editada por Xerais, é unha novela que se aparta dos vectores habituais da narrativa actual en lingua galega. O autor compón a un tempo unha memoria familiar (a partir da traxectoria vital dos seus avós) e un xogo literario entre o texto no que el, Xabier Paz, se desvela como personaxe e narrador e fragmentos (traducidos ao galego) de Las memorias olvidadas de Merchiña Castillejo, inédito do irmán do narrador principal, Xan. Ambos textos topografan a evolución familiar e teñen como figura central e motor a nai. Nun caso porque é ela quen lle pide a Xan que escriba sobre a súa vida e no outro porque Paz recoñece que a morte dela é o que lle permite ter a liberdade para acometer esta obra.

O libro destaca polo seu clasicismo, a todos os niveis agás un. Tanto na parte de Xan coma na de Xabier, os fundamentos narrativos circunscríbense aos temas e técnicas habituais nas pesquisas familiares. Descrición de espazos (con obvio protagonismo para a casa, a Barcelonesa que lle dá título á novela) e personaxes e novelización das peripecias dos protagonistas (abalando entre a épica e a intimidade familiar). O libro consegue case sempre os seus obxectivos, aínda que nalgúns momentos caia en certa tentación de explicar demasiado as cousas e lle sobren algúns datos “macro” que non contribúen en nada á historia central.

O único punto no que a novela non é clásica é, xustamente, na súa concepción xeral. E tamén nisto acerta. A voz que reflexiona sobre o propio proceso de facer memoria, amosándolle o lector as motivacións e fíos da novela en si consegue o equilibrio necesario para ficar a salvo de todos os vicios da autoficción (egolatrismo, sensacionalismo, imitación). E a presenza do texto de Xan, máis novelesco, máis adxectivado, permítelle ofrecerlle ao lector unha rica visión dos feitos que se relatan.Con todo, A Barcelonesa non é un proxecto redondo. É apreciable a ambición literaria e o mecanismo do contrapunto entre os relatos de Xabier e Xan, todo un achado. A parte de Xan cumpre o prometido porque ten a función de ser un refuxio das técnicas da ficción nunha obra que quere ser algo máis. Ten defectos, mais o seu papel “menor” na xerarquía da novela, permítelle excesos.

Mais a cambio, a parte de Xabier debera estar moito máis afinada. E non o está.Ten algúns problemas de ritmo: a narración funga, farragosa ás veces, parando en todas as palabras mediante subordinadas infindas; automática outras, con moitas frases feitas e certa tentación por contaxiarse da outra parte e ofrecernos unha historia de ficción ao xeito convencional. Se a novela onde mellor funciona é ao distanciar a ollada sobre os feitos narrados, perde forza cando inventa diálogos ou opta polas descricións vívidas e sobreadxectivadas.

A barcelonesa

PAZ, Xabier, A Barcelonesa, Ed. Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,38 €

Compartir el artículo

stats