Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con ollada creativa

Para respirarmos outros aires

Nun ambiente totalmente deshumanizado onde as présas non permiten apreciar a beleza, onde reina o ruído enxordecedor, onde non hai tempo para a risa medran as flores que dan froito e que han servir para reverter a situación e voltar máis amable un lugar insoportable.

A maxia óbraa unha moza que decide construír un automóbil cunha sandía moi grande, exemplo que é seguido por outros pícaros para asombro de maiores e pequenos e, por sorte, para o espazo urbano que pouco a pouco se vai enchendo de coloridos vexetais que medran alí onde parece que non é posible máis que contaminación.

A cor derivada da natureza asociada á vida, á alegría, ao humor é un dos elementos elixidos por Antonio Rubio para construír un mundo fantástico que invita á reflexión e que plasma Emilio Urberuaga nunhas desenfadadas ilustracións que teñen no trazo o apoio visual das palabras e do texto e no ton, o contraste preciso para que o lector mozo capte a mensaxe, se divirta coa enxeñosa idea e interiorice a aprendizaxe que lle ha de servir para o futuro. Da súa parte, a extravagancia, aquilo que sae fóra da orde, que resulta excesivamente peculiar ou estraño, engade a pinga de orixinalidade á historia e convértese noutro aspecto chave do conto rimado e que non entra en disonancia co medio, senón que produce máis ben unha adaptación social dos suxeitos nunha sorte de harmonía beneficiosa para todos.

E, como adoita suceder no universo tolo dos adultos, a ollada fresca e creativa que os cativos deitan sobre a realidade que os rodea achega a dose de idealismo/utopía que, a miúdo, falta entre nós, xa que se o axetreo cotiá esixe actuacións rápidas e precisas tamén é certo que é positivo moverse fóra dos límites e respirar outros aires.

Chófer de sandías.

RUBIO, Antonio, Chofer de sandías (Ils. Emilio Urberuaga), Kalandrraka, Pontevedra, 2021, PVP. 12,35-

Compartir el artículo

stats