Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carpinteiros de ribeira

Elaborando o censo de embarcacións tradicionais

Dúas embarcacións tradicionais galegas -dornas- a navegaren polas nosas rías.

O 9 de maio de 2019 as técnicas construtivas da carpintería de ribeira foron declaradas Ben de Interese Cultural do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. Isto supuxo un agardado paso administrativo na preservación e salvagarda dos sistemas tradicionais de construción e reparación de embarcacións, nun momento de extrema crise no sector, abandonado á súa sorte e en serio perigo de desaparición: un paso reclamado, pelexado e aplaudido polos múltiples colectivos de recuperación e conservación das embarcacións tradicionais que se teñen organizados nos últimos tempos nos nosos portos e que son aos que realmente lles debemos que as técnicas e barcos tradicionais teñan chegado ata nós.

Aquela declaración de BIC de hai xa dous anos pretendía establecer unha serie de medidas específicas de salvagarda das citadas técnicas, entre as que se incluía a creación dun censo de embarcacións tradicionais, barcos históricos, mestres carpinteiros e espazos portuarios. Por fin este verán, vense de constituír o órgano de xestión e avaliación para comezar a tomar medidas de protección e pór en marcha o devandito censo.

O Museo do Pobo Galego, nas súas salas de embarcacións tradicionais, cóntanos como a carpintería de ribeira afunde as súas orixes na nosa terra aló xa pola Idade Media, cando no século XII o arcebispo Diego Xelmirez fixo vir de Italia mestres en construción naval para artellar galeras que logo serían tripuladas por mariñeiros galegos. Desde esas, temos documentación sobre a construción de navíos nas nosas costas. Os obradoiros situábanse próximos á auga, e consistían nun sinxelo pendello onde se gardaban os materiais e ferramentas e onde se construían as partes máis pequenas, xa que as embarcacións maiores eran artelladas no exterior. A madeira favorita foi tradicionalmente a de carballo, que se deixaba curar mergullada no mar durante aproximadamente un ano. A maiores podianse utilizar outras madeiras coma o piñeiro, o castiñeiro, o bidueiro...

Achegándonos xa ao noso século, e segundo datos de Dionisio Pereira, no ano 2000 quedaban en Galicia cincuenta e unha carpinterías e asteleiros, catorce dos cales eran pequenos obradoiros. O problema é que cinco anos antes había vinte e dúas máis -un total de setenta e tres- e seis anos máis tarde unicamente vinte e nove, seis delas a piques de pechar por xubilación e oito unicamente adicadas a reparacións. O declive comezara xa nos anos oitenta do pasado século, motivado por diversos factores encabezados pola introdución das embarcacións fabricadas en poliester reforzado con fibra de vidro (PRFV), que asestaron un golpe cáseque mortal ás de madeira artesanal, que precisaban de maiores coidados e dunha fabricación artesanal. Ao mesmo tempo, a falla dunha política forestal que incentivara a produción de madeira de calidade, as actividades discriminatoiras cara á madeira a favor doutros materiais de construción por partes das Administracións, o devalo da pesca artesanal e o esquecemento no sector doutros segmentos de mercado lonxe da pesca, a baixa estima da profesión entre a xuventude , etc... foron factores determinantes para que a carpintería de ribeira chegara aos seus mínimos.

Pero non todo foron malas novas xa que, afortunadamente, de xeito paralelo ao declive foron aparecendo grupos e asociacións que alzaron as súas voces tentando conservar os saberes tradicionais, recuperando técnicas, fomentando encontros, restaurando e replicando embarcacións, buscando tamén (en palabras de AGALCARI, a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.) o pleno sentido produtivo e comercial desta actividade, para que non quede reducida a peza de museo; logrando manter vivos os saberes ancestrais, aqueles que deron en crear dornas, botes, lanchas, chalanas, canoas, galeóns, gamelas, faluchos, bucetas, carochos, racús , traíñas,... que permitiron ás nosas xentes do mar adaptérense ás esixencias dos nosos portos, ás diferentes artes de pesca e ás augas dos noso mares.

*Cando hai algo máis dun ano, en maio do 2020, estabamos a vivir o confinamento, finou un dos grandes etnógrafos do noso mar, especialista na dorna, embarcación que deu a coñecer por toda Europa. O noso recordo e agradecemento neste intre pois para o sueco Staffan Mörling.

Compartir el artículo

stats