Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

España e as Españas

Cara a unha comunidade de destino

Cuberta de "Imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo".

O 7 de decembro de 1933, no seu xornal oficial, Falange Española definía España dun xeito que o franquismo, nos anos posteriores, faría seu: “España, é unha unidade de destino no universal”, unha idea inspirada na Schicksalsgemeinschaft, ou comunidade de destino, adaptada por José Antonio Primo de Rivera a partir da idea orteguiana: isto é, a nación, que é o concepto ao que se aplica a idea de ‘unidade de destino no universal’, está por riba da terra e dos mortos e de calquera reivindicación baseada en exclusiva na etnicidade, na historia ou na cultura. Dito en palabras joseantonianas: “España non é un territorio. Nin un agregado de homes e mulleres. España é, ante todo, unha unidade de destino. Unha realidade histórica. Unha entidade, verdadeira de seu , que soubo cumprir –e aínda terá que cumprir– misións universais”. Ora ben, malia a retórica na ‘misión histórica e universal’, logo do 18 de xullo de 1936 o franquismo necesitaba algo menos etéreo que ese ideal, precisaba algo concreto; velaí, daquela, a razón pola que, partindo do recoñecemento da diversidade e da pluralidade de España, que nunca pretendeu negar, o franquismo foi inventar a ´tradición´. O motivo era evidente, xa que a tradición cumpría dúas perspectiovas: a primeira, vencellar o home coa terra, co pasado, cos mortos, coa comunidade próxima, construíndo deste xeito un individuo austero e apegado á terra, un tipo enxebre, superando daquela as alianzas ‘perigosas’, como as políticas ou sindicais; e, segunda, recoñecer a diversidade e a pluralidade de España. Aínda que desprovista da perspectiva política ao quedar reducida a un aspecto folclórico e cultural, tal proceder permitíalle, así e todo, ao réxime de Franco opor ao nacionalismo periférico da República e ao ‘separatismo’ -a besta negra de onte e de hoxe-, unha idea dunha España harmonicamente unida por uns mesmos valores tradicionais comúns a todos os homes suxeitos por un espírito de comunidade histórica e de destino. Para lograr eses obxectivos, o franquismo foi quen de despregar numerosas estratexias: velaí están os estudos folclóricos e etnográficos, a exaltación de determinadas tradicións convertidas en festas populares, a revitalización de certas manifestacións de carácter relixioso (romarías, procesións...., mesmo inventadas, como as festas do Carmo entre as xentes do mar...), a recuperación de xogos populares, a promoción de festas do traxe ‘rexional’, a creación de asociacións de coros e danzas folclóricas, a difusión mediante series de selos de vestidos e traxes ‘rexionais’... Algunhas destas estratexias, así como a súa fundamentación ideolóxica, vén constituír o obxecto de estudo do libro Imperios e danzas: as españas plurais do franquismo, da autoría do profesor Xosé M. Núñez Seixas.

NÚÑEZ SEIXAS, X.M., Imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 19,95 €

Compartir el artículo

stats