Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na desfeita de Weimar

Das mentiras e os rancores

Na desfeita de Weimar

Joseph Roth foi un escritor de orixe xudía, nado na Galitzia do Imperio Austro-húngaro, que publicou obras tan importantes como A marcha de Radetzky ou A lenda do santo bebedor. Deste autor vén entregarnos Irmás Cartoné a súa primeira novela, A arañeira (1923), que se publicou por entregas no diario socialdemócrata vienés Arbeiter-Zeitung (“Periódico dos traballadores”) e na que se perfila o estilo de Roth e unha das súas grandes preocupacións: a Europa de entre guerras e a desubicación na que se atopan moitos dos combatentes da Grande Guerra cando regresan á vida habitual. A última desas entregas, por certo, foi publicada dous días antes de que Hitler e Lundendorff procurasen dar un golpe de Estado en Múnic que os levou á prisión.

O personaxe central da novela, Theodor Lohse, é un tenente na reserva que ve frustrados o soño de ocupar un lugar importante na sociedade a través da carreira militar e que para evitar a súa marxinación recorre a comportamentos brutais. Estamos na República de Weimar, na que actúan grupos clandestinos que combaten os xudeos, os socialdemócratas e os comunistas con propaganda e métodos terroristas que non exclúen o crime. Theodor Lodse é un individuo egoísta, inhumano, que aproveita os problemas económicos e sociais para facer carreira. A mentira, a traizón, o resentimento, o rancor e a colaboración con grupos paramilitares forman parte dunha vida exenta de piedade e de valores morais. O relato vai desvelando á par o ascenso da ultradereita e do nazismo que aproveitan a humillación de Versalles para avanzar cara a conquista do poder, algo que anos despois, en efecto, se cumprirá na realidade e Roth foxe cara a París, onde morrerá alcolizado.

ROTH, Joseph, A arañeira (trad. D. Álvarez Martínez) Irmás Cartoné, Santiago, 2021, PVP. 12,35 €

Compartir el artículo

stats