Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ignacio Vilar Director de cine

“O de Aura 1964 é o primeiro guión que se publica antes de facer a película”

Galaxia vén de publicar o guión cinematogáfico de Aura 1964, film que aínda está sen rodar, no que Ignacio Vilar relata o cotián duns adolescentes nun internado relixioso na xeira dos “25 anos de paz” do franquismo.

Ignacio Vilar durante a rodaxe de A esmorga

Foron publicados guións despois de se rodaren as películas -velaí O terceiro home- pero o raro é publicar un guión dun film que aínda está por estrear. Por que decidiu facelo así?

–Si, este é o primeiro guión cinematográfico que chega as librerías antes da súa rodaxe. Levo tres anos con este proxecto e, hai dous, presenteino na Media Creative Europa, na que se xestionan as axudas da Unión Europea ao cine. Aura 1964 foi seleccionado por este organismo e, a partir de aí, estamos na fase de procura da financiación do film; daquela unha das iniciativas é, precisamente, a de publicar o guión antes da súa rodaxe, cousa que, efectivamente, coido que nunca antes se fixo, polo menos en Galicia.

–Disque, incluso, xa ten “fichados” actores e actrices que protagonizarán a película...

–Por suposto! Están Clara Lago, Itziar Ituño, Karra Elejalde, Morris, Miguel De Lira, Melania Cruz…Todos eles interpretarán papeis protagonistas e, por certo, que os que non son galegos, van falar en galego na película.

“Queremos que sexa o público lector quen opine se esta historia merece chegar a ser rodada e estreada”

decoration

–E cal é, entón, o obxectivo desta edición?

–Que o público coñeza a película antes da súa estrea e, ao tempo, que nos dean respostas a por que, de momento, non nos están axudar para que a película se faga realidade. Queremos plantexar á xente que lea a historia e logo nos diga si lles gustaría ver a película feita. É que a verdade é que eu creo moito nesta historia e estou certo de que os lectores e as lectoras vanme responder favorablemente porque Aura 1964 está historicamente enmarcada nunha época que nos pon ante os espello a todos os que vivimos na actualidade. Esa é a clave desta historia.

–Ten algo de autobiográfica, a trama que narra?

–Teño que recoñecer que Aura 1964 débelle moito a Au revoir les enfants (1987) de Louis Malle, unha película da que estou namorado, algo que me ocorre con case toda a cinematografía deste director francés, pero nomeadamente con esta obra. E si, claro que ten elementos autobiográficos, da miña propia memoria, pero é ben sabido que, cando escribes un guión, teslle que dar espazo tamén á imaxinación. Eu vivín aquel 1964, no que se conmemoraban os “25 anos de paz”, nun colexio-internado de curas como o que describo na película, e de seguro que moita xente da miña xeración se vaisentir moi identificada coa meirande parte do que conto.

–Un bo guión de cine pode ser tamén unha boa obra literaria?

–Non me atrevería a dicir tanto, pero si creo que os guións de cine son unha especie de xénero de seu en tanto e canto se poden ler como unha novela, un relato ou unha obra de teatro (e con estas últimas teñen moitas semellanzas, malia que os guións son moito máis visuais, claro). Ademais, o que ten de bo un guión, e falando do caso de Aura 1964 máis aínda, é que cada quen que o lea, vai imaxinar a súa propia película, o cal para min é todo un reto e ao tempo faime moita ilusión, algo semellante ao que me aconteceu con A Esmorga. A min, a interrelación con público é algo que me apaixona.

 –Dos mozos protagonistas, a quen se parecería máis Vde: a Siro, a Cosme ou a Berto?

A Siro, sen dúbida.

–Cal é o peor recordo do seu paso pola escola en tempos de Franco?

–O adoutrinamento, non che deixaban pensar. Todo estaba dirixido cun só discurso, Patria, Franco e Deus, ao que habería que engadirlle o sexto Mandamento (“Non cometerás actor impuros”). Esmagábante con iso. E xa, no plano persoal, a min, que tanto me gustaba, os domingos prohibíanme ir ao cine e obrígabanme a ir ver o partido do Ourense, que daquela xogaba en Rexional, para despois facer unha redaccións sobre o partido, os luns. E iso que a min nunca me interesou o fútbol, nin de aquela nin hoxe! A verdade é que, lembrandoo agora, e confirmando con outra moita xente, aocabo resultou que a meirande parte de nós fixemos o contrario do que nos ensinaron.

–Vde. é director e guionista: cal das dúas facetas o satisfai máis persoalmente?

–A min gústame o cine “enteiro”, porque dentro del cada proceso, cada fase, son totalmente distintas. O da escrita do guión é unha fase solitaria, íntima, recollida e moi persoal; o da rodaxe é unha loucura, “droga dura”, pero unha loucura apaixonante; e a da promoción disfrútoa polo que ten de contacto co público, algo que, para min, é imprescindíbel. E todas elas me satisfan, cada unha ao seu xeito.

–Atraeríao facer unha serie de televisión?

Non; confésoche que eu non son de series. O das series é un traballo pechado; en cambio no cine cada momento é diferente e vívelo de distinta forma.

–Un bo guión pode ser botado a perder por un mal director?

Sen dúbida, e exemplos hainos dabondo na historia do cine. E asemade hai exemplos de novelas “destrozadas” polas súas versións cinematgráficas.

–E, ao revés, un bo director e quen de facer bo un mal guión?

-Tamén, tamén. E, de igual xeito, sobran os exemplos.

–Vde., como director, prefire traballar sobre guións propios ou rodearse de bos guionistas?

Intervín en todos os guións das miñas películas aínda que, nalgunhas, tiven colaboración doutros guionistas que me axudaron. Pero eu son dos que lle dou importancia máxima aos guións, tanto que, xa che digo, sempre teño unha relación directa con el, sexa como único autor ou como coautor.

–Un dos maiores éxitos da súa traxectoria foi a adaptación cinematográfica da novela A esmorga. de Blanco Amor, na que Vde. participou na escrita do guion. Escribir o guión dunha novela, sobre todo se é moi coñecida, é unha dificultade engadida?

–Non e que sexa unha dificultade engadida, é que é diferente. Como alicerzas en algo que xa está feito, e neste caso era moi coñecida a novela, o teu reto é ser fiel ao autor e reflectir en imaxes o que o autor conta con palabras. De todos os xeitos, tamén teño que dicir que, como eu fago cine de autor, a película A esmorga é unha visión miña, e polo tanto persoal, da novela, pero sen traizoar a esencia de A Esmorga.

Compartir el artículo

stats