Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cómic que a pandemia viralizou

Arredor de "La muerte rosa"

Jaume Pallardó e unha viñeta do seu cómic de ciencia ficción "La muerte rosa"

Para moitas persoas, setembro é o mes no que empeza o ano. Será verdade, pois, que nunca acabamos de sacudirnos algunhas dinámicas adquiridas na infancia? Velaí, daquela, as coleccións que, para sorpresa dalgunha, seguen existindo; o tsunami da rentrée editorial; a volta ao cole; apuntarse outra vez ao ximnasio; Marie Kondo e mais o cambio de armario… todos estes tópicos veñen este ano cunha sorte de ilusión –e a súa acepción ambivalente– pola alta taxa de vacinación. E é que, despois da experiencia do, polo momento, ano e medio anterior, empatizar con La muerte rosa (Ediciones Contrabando) é especialmente fácil.

La muerte rosa é un cómic de ciencia ficción distópica que fala sobre en que cousa deveu a sociedade despois dunha pandemia mundial. Un volume integral que viu a luz en abril de 2021 e que aglutina dous textos: Dentro del traje e Desnudos, ambos publicados tamén por Ediciones Contrabando e incluídos no seu selo “Che Books” en novembro de 2018 e febreiro de 2019, respectivamente.

Nun futuro non moi afastado, un virus letal chamado “Febre rosa” xera unha pandemia mundial que cambia a forma en que se estrutura a sociedade. Distancia social sen apenas contacto físico, traxes EPI para estar no exterior, ríxidos procesos de desinfección, non-alimentos creados científicamente para evitar contaxios... Xa apenas hai anciáns e gran parte dos nenos criáronse en orfanatos nos que son educados, segundo as súas habilidades, para reconstruír o mundo. Se tes sorte, acabas sendo médico ou enxeñeiro, as prestixiosas profesións do presente.

Unha viñeta do seu cómic de ciencia ficción La muerte rosa (2021)

La muerte rosa preséntanos esta nova realidade anos despois da primeira aparición do virus, tras a «reconstrución». Todos os sobreviventes viven baixo ríxidas normas, co medo constante dun novo brote. Miguel, un home solteiro que traballa como profesor en remoto do que pode, coñece a Gloria a través dunha app de citas. Gloria é unha muller inquieta e imprevisible, cun alto nivel de vida, que adoita ir a clubs sociais nos que a xente se pode relacionar como na era pre-pandemia, a un prezo que o salario de profesor de Miguel non pode permitirse. Por suposto, Miguel namora dela como un tolo. A través de Gloria descobre a existencia dun grupo antisistema con dúas escisións: aqueles que cre quen o virus existiu pero que xa non hai perigo real e, por tanto, non hai motivo polo que continuar levando traxes especiais e esoutros que consideran que todo foi unha invención do goberno para manter o control a través do medo. A ata o momento aburrida vida de Miguel empeza a complicarse.

O autor, Jaume Pallardó (Valencia, 1978) concibiu a historia tras a «crise do ébola» de 2014 en España, que o levou a pensar en como acabaría sendo o mundo se se vise arrasado por unha pandemia mortal. Aínda que os tomos que constitúen este volume saíron antes do 2020, foi neste ano no que se fixo viral, por motivos evidentes.

Unha sólida distopía ben narrada e cunha forte crítica social

Se ben que Pallardó exerce regularmente como profesor, como a súa personaxe, sempre estivo interesado no mundo do cómic e mais a animación. En 2012 gañou o Premio Ciudad de Valencia no certame de La Mostra Crea, na sección de cómic. Foi colaborador dos fanzines Kovalsky Fly, Chotacabras e Arròs Negre. Na actualidade dirixe, xunto ao ilustrador Cristian Pineda (Sevilla, 1983), o fanzine Colorcarne. Tamén é autor do fin de El fin del Régimen de Pletksy-Gladz, unha historia curta publicada pola APIV (Associació Professional d’Il·lustradors de Vàlencia) e reeditado por Per(r)ucho e impresa en risografía. Nun exercicio de responsabilidade, o cómic conta cun epílogo no que o autor explica que a obra se creou antes da pandemia do COVID e que é puramente especulativa; un exercicio de ciencia ficción lonxe de facer apoloxía de teorías conspiranoicas non apoiadas pola ciencia.

La muerte rosa é unha historia cun guión sólido, habilmente narrado a través de composicións clásicas e un estilo de debuxo lineal sinxelo pero ben detallado. Unha distopía con crítica social ao máis puro estilo Un feliz mundo novo (Aldous Huxley, 1932) ou 1984 (George Orwell, 1948) e unha elección interesante como lectura para este próximo ano escolar.

Fragmento de Subnormal (2021).

Fragmento de Subnormal (2021).

Subnormal, en galego

Un ano despois da saída ao mercado do orixinal, Retranca Editora vén de publicar a versión en galego de Subnormal, guionizado por Fernando Llor (Vigo, 1982) e con Miguel Porto (Vigo, 1980) como debuxante. A novidade presentouse na última edición do festival Viñetas desde o Atlántico.

Subnormal narra o acoso sufrido nun colexio de Getxo polo ex xogador profesional de baloncesto Iñaki Zubizarreta (Madrid, 1972) cando tiña once anos. Trátase dunha obra dura e impactante na que o lector presencia de forma impotente como un neno é sistematicamente discriminado polos seus compañeiros debido ao seu aspecto físico e a súa grande estatura. Non só discriminado; acosado e insultado. Perseguido, humillado e maltratado emocional e físicamente.

Ademais dunha nova cuberta de luxo con troquel, esta nova edición de 160 páxinas a cores inclúe unha unidade didáctica asinada pola escritora e profesora Uxía Meirama, con entrevistas aos autores e ao protagonista da obra. A edición en español de Subnormal foi publicada por eVolution, selo da editorial Panini, en agosto de 2020.

Compartir el artículo

stats