Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A poética do abafante

Debaterse entre querer vivir ou morrer

Aspecto da portada de "Cicatrices do aire".

Xa lle podemos botar man, publicado por Toxosoutos, ao texto gañador do último Certame literario de relato de aventuras “Antón Avilés de Taramancos” convocado polo Concello de Noia. Nesta XIX edición a galardoada é a prolífica escritora Emma Pedreira co suxestivo título Cicatrices no aire.

Que ninguén pense que por ser este un certame de aventuras imos atopar unha obra canónica, unha trama moi estática e unha linguaxe pouco usual neste tipo de literatura afastan este libro dos clásicos do xénero, ou polo menos a primeira vista.

A historia dunha anciá que está sentada sempre no mesmo sitio serve de motivo para nos amosar un feixe de historias que se van desenvolver en distintas etapas históricas pasando polo medievo, a Grecia clásica, o Camelot do rei Arturo ou a Guerra Civil española. Unha vella cega e desdentada aparece sentada no penedo dunha eira, baixo a laranxeira. A muller que alí vive interésase pola forasteira, que arrastra unha imaxe un tanto fantasmagórica cun halo de misterio que a envolve. A vella é unha contadora de historias a cambio dun pouco de comida e unha sede de auga, e a paisana, unha muller superada polo momento histórico de represión (teñen que durmir vestidos por se houber que fuxir) e pola situación persoal da casa (coida da nai, unha vella déspota, encamada e que cheira permanentemente a mexo), vai ser a “escoitadora” de tales historias nunha Galicia que sofre o asoballamento do fascismo.

Cicatrices do aire é un encontro entre dous mundos, nese non saber que nos depara a vida e moito menos a morte. Vivimos para algo ou vivimos por vivir? Finalmente ese ambiente abafante da proximidade da morte remata por ser unha metáfora dese tempo convulso.

Para construír o texto, a autora coruñesa bota man dunha linguaxe moi poética, evocadora, cargada de metáforas implícitas que invitan a persoa lectora a imaxinar a través dos sentidos e das emocións. Séntese ese pulso do xénero lírico que domina todo porque, como manifesta a propia Pedreira, “non se pode desleixar a vida normal da visión poética das cousas”.

PEDREIRA, Emma, Cicatrices do aire, Toxosoutos, Noa, 2021, PVP. 12 €

Compartir el artículo

stats