Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempo de petróglifos

Memoria e legado de Ramón Sobrino

Ramón Sobrino no petróglifo de Castriño de Conxo (Santiago de Compostela), por volta de 1935.

O esforzo do Colectivo A Rula e da familia Núñez Sobrino, en especial do escritor Ángel Núñez Sobrino, acaba de recuperar para divulgación xeral a figura do arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (Poio, 1915-1959) por medio dunha moi valiosa publicación: Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Memoria e legado dos petróglifos (Colectivo A Rula, 2020). O libro repasa a traxectoria humana e científica do investigador e ofrece un excepcional acervo de documentación: fichas, deseños e fotografías que dan conta do seu labor intenso orientado cara o estudo da prehistoria galega, nomeadamente a fonda dedicación ao coñecemento das insculturas que el denominou galego atlánticas, abrindo unha liña de investigación hoxe de plena actualidade. No volume destaca pola súa calidade o material fotográfico do propio investigador, un traballo que evidencia un nivel técnico e estético moi elevado, alén dun valor material que supera o puramente instrumental e que en conxunto conforma un documento de valor antropolóxico, histórico e mesmo artístico.

Debuxo e fotografía de Outeiro de Cogoludo (Moimenta, Campo Lameiro).

Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza foi un arqueólogo ligado estreitamente ao estudo e coñecemento dun dos máis singulares aspectos da nosa tradición histórica e artística: os petróglifos, aínda que tamén contribuíu notabelmente á análise doutras facetas da nosa prehistoria, en especial o megalitismo, como demostra a súa modélica escavación no Chan da Arquiña (Domaio, Moaña) nos primeiros anos cincuenta. Xa na década dos corenta e cincuenta do pasado século, o noso protagonista foise conveter nun auténtico experto a nivel europeo no ámbito dos gravados prehistóricos, sendo herdeiro do labor de seu pai: Ramón Sobrino Buhígas (1888-1946), o autor do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, traballo pioneiro e de especial importancia sobre o tema, editado en 1935 polo Seminario de Estudos Galegos.

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo na mesma cidade, alén de aparellador municipal do Concello de Santiago, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza uniu a esta rica e variada formación unha vocación humanística orientada no fundamental aos estudos da nosa prehistoria, dentro dos que vai ser continuador da liña de traballo do Seminario de Estudos Galegos, á que achegará un actualizado coñecemento de campo e bibliográfico, con análises comparativas con outros contextos europeos. Doutra parte, cómpre sinalar que xa desde moi novo dera probas desta dedicación ao descubrir e estudar, xa en 1935, os petróglifos de Castriño de Conxo, nas aforas de Santiago de Compostela, un dos conxuntos con presenza de armas mais relevantes do noso país, armas que nos sitúan na Idade do Bronce.

Os petróglifos galegos conforman un dos conxuntos máis salientábeis de insculturas de toda Europa e constitúen un patrimonio de grande abundancia e variedade temática

decoration

Como é ben coñecido, a Idade do Bronce, que ocupa un espectro cronolóxico entre 1800 e 700 a. C supón, en Galiza, o aparecemento dunha das manifestacións máis singulares de nosa prehistoria, os petróglifos. Os petróglifos galegos conforman un dos conxuntos máis salientábeis de insculturas de toda Europa e constitúen un patrimonio de grande abundancia e variedade temática: armas, labirintos, espirais, animais... Innumerábeis insculturas esténdense por unha parte importante de Galiza, con especial incidencia no suroeste, ámbito moi estudado por Sobrino Lorenzo-Ruza. Estamos perante obras de grande plasticidade, carácter sintético e expresivo, de que son proba agrupamentos como os labirintos de Mogor (Marín), as combinacións circulares de Monte Tetón (Tomiño), ou os ben variados conxuntos de Campo Lameiro, coas súas magníficas representacións de animais. En xeral os motivos poden ser de carácter xeométrico ou naturalista; os primeiros –círculos concéntricos, espirais...- posúen unha evidente carga simbólica, de difícil interpretación; en canto os segundos, coa caza, a guerra (xinetes, armas...) parecen ligados a relacións sociais vinculadas á xerarquía e o poder da sociedade que os produciu. A cronoloxía segue a ser obxecto de diferentes hipóteses. Hai quen defende unha longa perduración temporal, en canto outros investigadores os sitúan, sobre todo, no bronce inicial (as representacións de puñais e alabardas en insculturas como as de Castriño de Conxo en Santiago son desta etapa).

Debuxo arqueolóxico e fotografía

Un dos aspectos sobranceiros do traballo de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, alén das súas publicacións e descubertas, entre as que compre salientar as realizadas no Morrazo, reside nos seus precisos e vistosos debuxos, froito do seu traballo de campo. Neles percibimos o peso dunha fecunda tradición, a do debuxo arqueolóxico de Sociedad Arqueológica de Pontevedra de finais do século XIX e comezos do XX, un precedente extremadamente familiar para o investigador xa que entre os debuxantes desta sociedade estaban os seus familiares Enrique Campo Sobrino (1890-1911) e Carlos Sobrino Buhígas (1885-1978).

Porén, no volume que nos ocupa aínda destaca máis o acervo fotográfico que documenta o estado dos sitios arqueolóxicos galegos a mediados do pasado século, algúns xa desaparecidos na actualidade; a nosa realidade natural anterior á intensa modificación sufrida nas últimas décadas e mesmo aspectos da realidade humana do medio rural galego nos anos corenta e cincuenta.

Compartir el artículo

stats