Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desde a traxedia complexa

Lembranza de Alfonso Sastre

Un momento na representación de 'Escuadra hacia la muerte' (1953).

Na magnífica Historia del teatro español (Gredos, 2003) que coordinou Javier Huerta Calvo, Alfonso Sastre ocupa un lugar menor, comparado con outros enxeños da escrita dramática, como Benavente, Valle Inclán, Unamuno, García Lorca, Gómez de la Serna, Arniches ou Buero Vallejo. Sabemos que as escollas obedecen a cuestións de canon, pero velaí unha mostra de que Sastre segue sendo un autor incómodo, tamén pola natureza da súa escrita, obxecto central non obstante da historia literaria. Trátase dunha escrita que deriva do compromiso vital de quen vive en primeira liña os horrores da Guerra Civil e as duras condicións de vida dos primeiros anos de ditadura. Por iso a súa obra é profundamente política e ideolóxica, pero non esquezamos que todas as obras son políticas e mostran unha ideoloxía concreta, en tanto a polis se pensa e organiza con ideas sobre a maneira de negociar ou impoñer a convivencia en común. En efecto, pois ideoloxía significa “logos” ou ciencia das ideas. Algo que adoitan obviar os que menosprezan as achegas literarias de Sastre criticando que estean preñadas de ideoloxía. A Iliada tamén o está, coma Ulysses de James Joyce.

Alfonso Sastre (1926-2021), nunha fotografía tirada nos anos 50.

Sastre tamén dedicou tempo e paixón ao ensaio, quer en xornais e revistas especializadas, quer en volumes de teoría dramática, sendo neste campo un dos autores máis prolíficos en todo o século XX. A el debemos títulos como Drama y sociedad (1956), Anatomía del realismo (1965), La revolución y la crítica de la cultura (1970), Prolegómenos a un teatro del porvenir (1992), El drama y sus lenguajes (2000), fundamentais en historiografía dramática ou teatral. O último volume, que se xesta na Semana de Filosofía de Pontevedra en 1996, contén reflexións relevantes sobre formación teatral e fala escénica que aínda hoxe están por resolver.

Transformar o teatro

Desde moi novo participou en varias iniciativas para transformar o teatro español, sendo a primeira o denominado Grupo de Arte Novo, creado en 1945. Ao mesmo tempo inicia unha xeira longa de colaboracións en semanarios como La Hora, nos que mostra a necesidade dun teatro máis atento á realidade social e á renovación artística. Nese semanario publica en 1950, en compaña de José María de Quinto, o manifesto do Teatro de Axitación Social, movemento que terá continuidade no Grupo de Teatro Realista, cos mesmos animadores. Alá por 1960 alenta desde as páxinas de "Primer Acto" unha polémica sobre a función do artista na sociedade franquista, dominada pola represión e a censura, e o rol do teatro. Na mesma participan Buero Vallejo e Alfonso Paso, un dos fundadores do Grupo de Arte Novo, que arelaban transformar o teatro desde o propio sistema, en tanto Sastre advertía dos perigos de ser devorado polo sistema e a necesidade de confrontalo.

Logo das súas primeiras pezas, Uranio 235 (1946) ou Cargamento de sueños (1948), marcadas por unha pulsión experimental descoñecida na dramática española ou europea da época, inicia unha longa etapa de escrita realista, en diálogo crítico con autores tan relevantes como Valle-Inclán ou Brecht, ou teóricos como Luckács. Virán despois un feixe de textos dos que abrollan poderosas metáforas dunha realidade sórdida, que mostraban con especial crueza a condición humana e os efectos do exercicio do poder. E así temos Escuadra hacia la muerte (1953), El pan de todos (1953), La mordaza (1954), Guillermo Tell tiene los ojos tristes (1955), Muerte en el barrio (1955) ou En la red (1959), textos escritos lonxe dunha mirada binaria asentada en antinomías. Unha liña que afonda no que denomina traxedia complexa, con textos como La sangre y la ceniza (1965) ou La taberna fantástica (1966), que se estrea en 1985, cun notable éxito de crítica e público, polo que lle outorgan o Premio Nacional de Teatro nese mesmo ano.

Na hora do seu pasamento cómpre recuperar o legado enorme dun escritor e pensador fundamental nas letras hispanas, para alén dos xuízos que mereza a súa traxectoria no escenario político, pois esa é outra historia. Sastre é, coma Valle, un dramaturgo excepcional. Como mostra, Asalto nocturno, unha peza do 1959

Sastre, editor

No haber de Sastre tamén debemos situar o seu labor divulgador doutras voces, que desenvolve desde a editorial Hiru, creada con Eva Forest en 1989, e na que se publican textos fundamentais da creación dramática máis contemporánea, normalmente traídos ao castelán por persoas de recoñecida solvencia no campo da tradución literaria. Na actualidade o catálogo da editorial supón un punto de referencia para nos achegar á autores e autoras especialmente relevantes no campo teatral.

Ademais de publicar autoría peninsular, con obras de Jesús Campos, Joan Brossa, Roberto Vidal Bolaño, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Helder Costa, ou a dramática enteira de Fernando Pessoa, Hiru editou pezas de Karl Krauss, Pier Paolo Pasolini, Heiner Müller, Peter Weiss, Darío Fo, Thomas Bernhard, Werner Schwab, Friedrich Dürrenmatt, Howard Zinn, Bernard-Marie Koltès, Tankred Dorst, David Mamet, Georg Büchner, Harold Pinter, Daniel Berrigan ou Peter Handke. Unha selección da mellor literatura dramática occidental, que agradeceremos sempre.

Compartir el artículo

stats