Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

VI Cinema Inclusivo

Un festival sen atrancos

Fotograma de "A illa das mentiras (Paula Cons, 2020).

No ano 2004, o cineasta ourensán Xavier Bermúdez filmaba León y Olvido, a historia de dous irmáns orfos -con eses mesmos nomes- dos cales el ten síndrome de Down, polo que ela, que non pasa por un bo momento sentimental, ten que facerse cargo do irmán. Xavier Bermúdez foi o primeiro realizador en traballar cun actor con síndrome de Down, Guillem Jiménez, e por esta razón o VI Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo veu renderlle unha merecida homenaxe o pasado martes, coa proxección desta película máis a súa continuación, Olvido y León (2020), rodada dezaseis anos despois polos mesmos actores, o propio Guillem Jiménez e Marta Larralde.

O Festival, que rematará o vindeiro sábado, proxectará 54 pezas audiovisuais en tres lugares diferentes da cidade: o Auditorio do Concello, os Cines Salesianos e o Museo MARCO. Nesta edición, o certame incorpora unha sesión de curtametraxes sobre igualdade que terá lugar o sábado 16 no Auditorio do Concello ás 11 da mañá, na que se van proxectar oito pezas audiovisuais entre as que destaca La voz humana de Pedro Almodóvar. Outra sesión novidosa respecto e anos anteriores é a incorporación dunha sesión dedicada a curtas arredor da discapacidade, na que o espectador poderá visionar traballos protagonizados por actores e actrices con discapacidades diversas. Este apartado terá lugar o día de hoxe a partir das 17 horas, no Museo MARCO. Por último, a terceira novidade do VI Festival Internacional de Cine Inclusivo é a incorporación dunha sección destinado ao público familiar coa pretensión de educar na diversidade aos máis cativos. Ademais das novas sesións, o festival mantén todas as seccións habituais: o “Short-In Doc” de curtametraxes documentais pola inclusión, o “Vig-In-Doc” de documentais internacionais pola inclusión, a sección oficial de ficción, a sesión de curtas audioescritas e subtituladas e o concurso online de webseries.

O director de cinema Roug Rolland.

O director de cinema Roug Rolland.

Cando o Festival comezou a dar os seus primeiros e vacilantes pasos, o obxectivo principal consistía en achegar o cine, unha arte de imaxes e sons, a todas as persoas. Por este motivo, tanto a audiodescrición para persoas con discapacidade visual como o subtitulado para xordos son dous aspectos centrais para o certame, e aplicaranse en varias das películas exhibidas. Na sección de curtas audioescritas e subtituladas destaca a proxección de Feeling through ('Sentindo a través', 2019) de Doug Rolland. Este filme, nominado aos premios Óscar, foi o primeiro en estar protagonizado por un actor con ceguera e xordeira. Conta a emotiva historia dun adolescente que debe pasar a noite vagando polas rúas de Nova York na compaña dun home xordo e cego ao que ten que axudar. A proxección desta peza terá lugar o sábado pola tarde no Auditorio do Concello.

Outro dos pratos fortes do Festival está programado para mañá, venres, ás 21 horas no Cine Salesianos. Trátase da presenza da realizadora coruñesa Paula Cons, que presentará o seu exitoso filme A illa das mentiras (2020), que recrea o afundimento do buque Santa Isabel, con destino a Buenos Aires, fronte a costa da Illa de Sálvora.

Sen dúbida, o VI Festival de Cine Inclusivo pode resultar unha experiencia moi valiosa grazas á capacidade que ten a sétima arte para ensanchar a empatía dos seres humanos. Introducirse nas súas historias supón un achegamento a un mundo que, en demasiados ocasións, foi retratado con excesiva superficialidade. Nos últimos tempos están a proliferar relatos que non se contentan con mirar á discapacidade, senón que buscan mirar desde a discapacidade.

Fotograma de "Las leyes de la frontera" (2021).

Fotograma de "Las leyes de la frontera" (2021).

"As leis da fronteira"

Baseada na novela de Javier Cercas, esta semana estreouse a nova película de Daniel MonzónCelda 211 (2009) e El niño (2014)—, que supón, en parte, unha volta ao coñecido como “Cine quinqui”. Coa estrea de Perros callejeros en 1977 (José Antonio de la Loma) abriuse un subxénero que deparou algunhas das películas máis impactantes dos anos setenta e oitenta, películas en carne viva sobre a delincuencia e a marxinación, cunha inusitada mensaxe ideolóxica, onde o poder era ferozmente vilipendiado e a loita de clases atopábase a pé de rúa. Todo isto aderezado cunha estética que deixa de lado o decoro burgués porque, nese submundo urbano onde proliferan as navallas, as pistolas e as xeringas, a posta en escena debe esquecerse dun tratamento visual exquisito, ser directo, invisible, entendible. Neste campo, Eloy de la Iglesia e o seu inseparable guionista Gonzalo Goicoechea —Navajeros, El pico I e II, La estanquera de Vallecas— ofertaron imaxes que a día de hoxe continúan golpeando a mirada do espectador, en gran medida polo uso do sexo nos seus filmes, xusto nos anos do destape, que o convertera nun elemento exclusivamente banal e contemplativo, mentres que o cine quinqui o levou máis alá, converténdoo nun elemento cun fundamental valor narrativo.

Compartir el artículo

stats