Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Educando para a paz

Reflexión e formación

Ilustración da portada de "A cidade do átomo". Sonia García

O IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade, que por unanimidade obtivo a obra titulada A cidade do átomo, recrea as consecuencias que para o espazo e os seus habitantes tivo a explosión no reactor 4 da planta nuclear de Chernóbil a finais de abril de 1986 e que obrigou á evacuación da cidade de Prípiat, daquela República soviética de Ucrania e que agora a ficción histórica realizada por Iria Misa presenta ao lector mozo de forma tenra e dura ao mesmo tempo, rodeando de certo misterio o discurso dos acontecementos e de certa intriga esperanzadora o decorrer dos feitos que teñen a Lena Petrov como protagonista dunha historia triste que procura aceptación nun medio que lle é hostil tanto espacial como socialmente.

Edificios baleiros, rúas desertas, ruínas insoportables convértense no escenario no que un grupo de cativos e cativas actúan agardando os adultos que supostamente evacuaran temporalmente. Mais a realidade caprichosa afánase en negarlles a volta, mantendo acesa a faísca da ilusión por un reencontro que a saber cando chegará se é que algún día chega. Mentres tanto teñen que convivir coa desolación e cos danos colaterais derivados do desastre en forma de doenza, eiva, malestar ou molestia que os pequenos superan por simple instinto de supervivencia e porque hai quen se empeña en manter a falacia que a protagonista vive con resignación e esperanza.

Un texto que pode actuar sobre o microcosmos escolar e que apunta tamén ao macronivel das estruturas sociais, onde se traballa a comprensión, os dereitos, a multiculturalidade, a resolución pacífica de conflitos e o desenvolvemento, semella unha boa maneira de educar para a paz e esta novela, abofé, que propicia a reflexión e a formación.

MISA, Iria, A cidade do átomo (ils. Sonia García), Xerais, Vigo, 2021, PVP. 12€

Compartir el artículo

stats