Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía ontolóxica

Interesante e atinado

Aspecto da cuberta de "Humanario", de Pilar García Rego.

Segunda entrega poética de Pilar García Rego, Humanario mergulla na reflexión entre os límites dos trazos humanos e animais. Vai do máis fondo, primixéneo cara a posibles variacións evolutivas nas que as metáforas relacionadas coa transformación están latexantes todo o libro. É, porén, un cuestionamento, unha evocación da dúbida natural. Unha pescuda que non queda só na exposición lírica e filosófica do que á poeta lle interesa, senón que retorce, pescuda e transforma a sintaxe facéndonos visualizar a estrutura mesma da lingua como elemento transformador, cambiante e non definitivo.

Xa que logo, poderíamos falar dunha poesía ontolóxica en stricto sensu. O pensamento do eu lírico vai encamiñado a expoñer a categoría dos distintos entes. Do xeral ao particular e, no medio, a posible transformación.

A riqueza propiamente dita deste texto radica na capacidade de complementar a sabenza creadora e poética coa indagación filosófica máis fonda. Todo o que percorre o libro son imaxes, metáforas e propostas que levan ao lector a percibir unha serie de supostos que van moito máis alá do evidente e inmediato. A realidade ten capas e poden ser esmiuzadas para intentar –ou non- ser comprendidas ou simplemente evocadas como posibles.

Pilar García Rego presenta, pois, un poemario interesante no contido, atinado na súa forma poética e co lirismo da mellor poesía filosófica e existencial. Humanario é unha boa maneira de repensarnos a nós e á natureza que nos rodea. É un poemario completo en todos aqueles aspectos literarios que fan unha obra ser merecerte de ser tida en conta. Foxe da medianía cunha mestría e consistencia necesarias para alegría de lectores de poesía ávidos de textos de calidade

GARCÍA REGO, P., Humanario, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 11,87€

Compartir el artículo

stats