Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vexadas e asoballadas

A prol dos vencidos

Fotografía de portada de "As mulheres da Casa da Bouça".

Xa non se trata de casos illados. Cada vez son máis os e a profesionais das ciencias que compaxinan o seu labor docente con incursións na narrativa galega. Tamén nalgún caso nas amavías líricas. A última, Adela Figueroa Panisse, profesora de Bioloxía en varios centros públicos galegos, organizadora, presidenta de ADEGA e colaboradora en varias revistas. Poeta asemade no eido da poesía feminista, de compromiso ambiental e social, sen desbotar algunha incursión na lírica erótica e amorosa. Arestora agasállanos con esta peza narrativa, escrita en galego. Mais que non se atén ás normas do ano 2003. Sen torta intención, mais cada lector poderá xulgar segundo os seus esteos e criterios lingüísticos. O seu compromiso fulcral coa Galicia lusófila ou non lusófila e indubidable.

O eixe temático e dramático da peza achéganos ás mulleres rexeitadas pola Igrexa e outras institucións, atalladas polo machismo e perseguidas polo fascismo

decoration

As mulleres da Casa da Bouça da roupa estendida é unha novela contra o fascismo e a prol do vencidos e vencidas na Guerra de 1936-39, na posguerra franquista e nas datas anteriores ao golpe de estado que acabou coa democracia. Unha obra, como escribe o prologuista Claudio Rodríguez Fer, ateigada de crueldade e horror. Mais non cómpre esquecer que tamén escintilea na mesma a beleza de terra, nomeadamente a do Incio. No comezo da novela podemos percibir a señardade da Galicia verde e rebordante de vida natural. Unha paisaxe onde se combina a fermosura co feísmo. É tamén aquí onde a autora homenaxea a autoras feministas, ás mulleres galegas facedoras de tantas labores, entre elas a da roupa lavada que lle da título a novela. Non se esquece a autora dos aspectos sociais e políticos que deron lugar á emigración ou ao fenómeno dos maquis, todo provocado pola ditadura da posguerra, coa acritude disglósica e o odio dos vencedores a todo o que soase a galego.

Entremesturado con todo isto, a cultura humanística, representada, máis unha vez, pola figura do mestre republicano que volve da emigración e que motiva ao lector a lembrar modelos reais, afastados da ficción. Asemade a autora deita luz verbo do exilio galeguista en América na súa vertente máis esquerdista. Endalí que rexeite a Transición que lle deu carta de falsa democracia á permanencia dos mesmos poderes establecidos. Con todo, e para alén de todo isto, o eixe temático e dramático da peza achéganos ás mulleres rexeitadas pola Igrexa e outras institucións, atalladas polo machismo e perseguidas polo fascismo. E fronte a todo isto, a solidariedade rebelde de moitas mulleres que tiñan como meta vital a dignidade e a liberdade. En resumo, unha nova peza narrativa de reivindicación da memoria histórica das xentes da Galicia rural, oprimidas e asoballadas durante boa parte do pasado século.

FIGUEROA PANISSE, A., As mulheres da Casa da Bouça da roupa estendida, Laiovento, Santiago, 2021, PVP. 17,95€

Compartir el artículo

stats