Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vinganza de Fortimbrás

Unha peza de Francisco A. Vidal

O dramaturgo Francisco A. Vidal (1957). Cedida polo autor

Co texto que hoxe presentamos, editado por Positivas, o seu autor gañou neste ano de 2021 o III Premio Laudamuco de Textos Teatrais que convoca o Concello de Brión coa colaboración da Academia Galega de Teatro, iniciativa interesante que serve para lle dar pulo á creación dramática pero tamén á edición de pezas, cousas que cómpre agradecer polo ben das nosas letras. O xurado estivo integrado por Pilar López, Xoana Balado, Gonzalo Rodríguez, Xulio Lago e Manuel Guede, e destacou na peza premiada, entre outros aspectos, a mirada que propón arredor das luces e das sombras dos comportamentos humanos.

Debemos a Saxo Grammaticus (c.1150-c.1220), historiador e teólogo danés radicado en Lund, e autor da Gesta Danorum, novas sobre Amleth, fillo de Horvendill e de Gerutha, e sobriño de Feng, ou de como Feng mata o seu irmán e casa coa súa cuñada, razón pola que Amleth simula caer nun estado de necidade e tolemia co fin de non ser tamén asasinado. Velaí o asunto central que toma Shakespeare, ou o propio Cunqueiro, malia que este troca algunhas relacións para lle dar ao seu texto unha perspectiva nova desde a que recrear un personaxe tan atractivo como Hamlet. Esta nova peza que asenta na materia dramática que atesoura Elsinor, ten como figura central un personaxe periférico na traxedia. Falamos de Fortimbrás, parente do príncipe danés e sobriño de rei de Noruega, de quen coñecemos o degoiro por vingar a derrota padecida polo seu país, atacado sen máis polo vello rei Hamlet, e a morte de seu pai na batalla. No segundo acto da peza escrita por Shakespeare, teremos novas do tal príncipe noruegués, quen urxido polo seu tío, debe renunciar á súa teima por atacar Dinamarca, polo que decide marchar contra Polonia. Así, no tránsito pacífico polas terras de Dinamarca, cando estas tamén ocupaban partes da actual Suecia, camiño de Polonia, o príncipe acaba por chegar ás portas de Elsinor no momento xusto para asumir o trono, ao ser o único herdeiro lexítimo da coroa.

Vista xeral do castelo de Kronborg, en Elsinor.

Conta o dramaturgo empírico deste texto que comentamos, que as crónicas de Saxo, e as recreacións dos dramaturgos avonés e mindoniense, non deixan de ser formas de contar feitos posibles, que derivan de narracións anteriores, entre elas o Chronicon Lethrense, e que acaban por enlear feitos que non deixan de ser hipóteses coas que resolver un problema que ao mellor nin ten solución: que pasou realmente, se é que algo pasou? Nesa dirección, o que nos ofrece é a súa hipótese, tentando buscarlle á traxedia outras causalidades. E por aí acerta de cheo.

Pois, que andaba a facer Fortimbrás na contorna de Elsinor xusto cando no pazo dos reis de Dinamarca se desata unha traxedia na que semella tan só participa a tríade nai, fillo, tío? Xusto por aí comeza esta interesante elucubración de Francisco A. Vidal que asenta nas relacións non sempre amigables entre os pobos que habitaron as terras escandinavas, e os diferentes feudos e reinos que foron conformando no decorrer dos séculos. O personaxe secundario que Shakespeare fai aparecer para mellor poder poñerlle o ramo ao seu texto, e avivar no público o nacionalismo inglés, adquire agora moita relevancia, cabo doutras figuras creadas ex novo. Nos cursos de acción que se van encetando e pechando iremos lendo o ronsel duns acontecementos que rematan coa asunción da coroa por un príncipe noruegués. Pois, aos poucos, eses cursos de acción iluminadores que se inician nalgún lugar de Noruega, van confluíndo en Elsinor, e así recolle forza o vello relato xa coñecido, pero sempre cunha mirada nova. Concordamos do Xurado en que Vidal propón un xiro narrativo, e dramático, sorprendente e moi enriquecedor.

Mentiras e maldades

Cando remata a argallada, tan ben entretecida, e os argallantes toman conciencia da traxedia causada, e cando os remorsos apreixan as conciencias, máis nuns casos que noutros, cada quen busca xustificar os seus actos. Na última escena agroman cuestións éticas ben interesantes en relación aos límites de certos comportamentos: as falsidades e rexoubas que unha vez armadas poden escapar ao control de quen as crea e propaga. O texto invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos na manipulación da opinión pública, a nivel micro e macro, na creación de estados de subversión e revolta, pois como di o Capitán, é o pobo quen paga o circo mentres outros quedan co pan.

En todo caso, a vinganza segue a ser un tema central, ben que por boca do rei vello, moribundo en Noruega, nos seus consellos a Fortimbrás, saibamos que hai modos e maneiras de construíla, e facela silente, anónima e máis destrutiva aínda. Abandonando os estados irracionais e articulando unha racionalidade fría, da que poidan abrollar as formas máis pérfidas e perversas da conduta humana. E así a peza acaba por nos mostrar canta maldade pode agochar cada un de nós cando a vinganza nos manda. Por iso disque Kong Fuzi sentenzaba que, antes de emprendela, había que cavar dúas covas. Dúas.

Compartir el artículo

stats