Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reivindicación dunha artista

Memoria de Elina Molíns Fernández

Retrato fotográfico da artista viguesa Elina Molíns Fernández.

No proceso de visualización da muller nas artes visuais galegas podemos aproximarnos a figuras como Carmen Babiano, María Corredoira, Elena Olmos, Elvira Santiso ou Lolita Díaz Baliño. Entre elas, a viguesa Elina Molíns foi unha das máis activas no último terzo do XIX e polo de agora esquecida polo abandono temperán, tras o matrimonio, de toda actividade artística.

Filla do comerciante Pedro Mártir Molíns Pascual e de Emma Fernández Chao, a pequena Elina trasladouse a Londres con nove anos para estudar no colexio La Sainte Union des Sacres Coeurs. Cando regresou a España, comezou a tomar leccións de pintura co aragonés Francisco Pradilla Ortiz, casado con Dolores González Villar, a filla do piloto do porto de Vigo. Pradilla, debuxante da Ilustración Española y Americana (1872-74). acudía con regularidade a pasar o verán en Vigo, lugar que lle serviu de inspiración para moitas das súas obras.

Premios e exposicións

A moza Elina continou a súa formación xunto ao pintor costumista sevillano José García Ramos e tamén co soriano Maximino Peña, quen lle fixo un retrato magnífico datado en 1893. Foi nese período cando a nosa protagonista creou un dos cadros de maior calidade artística, Una gitana, premiado na Sociedad Artística de Sevilla, así como tamén pintou as escenas realistas do Puente de Triana ou Rinconada de Triana. Con aquela primeira produción participou na Exposición Nacional de Belas Artes (1893) e asemade na Exposición do Círculo de Bellas Artes (1894), onde expuxo un retrato da artista viguesa Blanca Chao. Se cadra foi na Exposición Regional de Lugo de 1896 onde acadou un maior recoñecemento ao recibir un premio pola obra Una gitana.

Fragmento do artigo que Saíd Armesto adicou a Elina Molíns na revista "Galicia Moderna" (1897).

Fragmento do artigo que Saíd Armesto adicou a Elina Molíns na revista "Galicia Moderna" (1897). Todocoleccion

En 1897 exhibía en Vigo, na tenda de moda da época, La Villa de París, a Gitana, unha mariña e unha paisaxe da baía de Baiona. A prensa local mencionaba que a pintora viguesa estaba a estudar con Pradilla, o seu padriño, en Madrid. No seo da familia Molíns persiste a idea dalgunha relación co paisaxista vigués Serafín Avendaño, que se instalara na residencia familiar da Barxa en 1892, onde ademais de pintar exercía de mestre de pintura. Saíd Armesto, nun artigo adicado á pintora viguesa na revista "Galicia Moderna", facíase eco da abundante obra que ocupaba as paredes do seu estudo vigués, onde, ademais dos retratos, destacaba a presenza de moitos bosquexos de flores. Tamén aludía ao contacto con Avendaño e mais os eloxios do pintor ao referirse á pintura de Elina. Con Avendaño e con Blanca Chao Sedano chegou a expor na mostra para recadar fondos para os feridos de Filipinas e Cuba, celebrada no patio do Ministerio de Ultramar.

Temática paisaxística

Tras instalarse en Vigo a súa obra mantivo unha temática paisaxística en obras como Castelo de Monte Real, Casa dos Condes de Sotomayor, Cercanías de Baiona ou Efecto de Luz, aínda que tamén se achegou á pintura costumista como a Escea na lareira que conservou o seu afillado Ramón Cornejo Molíns. Casou con Ramón Menacho Miranda en 1890, un comerciante que fora cónsul de Inglaterra, Bolivia e Venezuela na cidade. Menacho lograra establecer desde 1912 o comercio de carga de carbón en Vigo co peirao flotante no porto. Desde 1910 residiron na finca de Teis “La Chicharra”, lugar onde se rodou a película Carmiña, flor de Galicia nos anos 20.

O seu premiado cadro "Aldeana" (1897).

É unha mágoa que a obra pictórica de Elina non estea dispoñible no fondo expositivo dos museos da cidade como exemplo daquelas galegas pioneiras na creación artística. O veto que a sociedade burguesa do XIX tiña sobre o papel da muller, que circunscribía ao ámbito do fogar, comezou a mudar en Europa con personalidades como Marie Louise Vigée-Lebrun ou Rosa Bonheur, citadas por Saíd Armesto no seu artigo reivindicativo da pintora viguesa. Mais índa estamos a tempo de recuperar e exhibir a obra pictórica de Elina que a familia conservou durante máis de cento trinta anos e así continuar o labor do feminismo histórico que segue a reivindicar o papel das mulleres na sociedade contemporánea, creando referentes para as novas xeracións. Case unha ducia de obras forman parte do legado familiar dos Molíns.

Elina Molíns afastouse dos camiños da arte tras integrarse no papel que a sociedade do seu tempo lle impuso, aínda que mantivo un papel máis activo tras quedar viúva e asumir o cargo de conselleira dos Tranvías Eléctricos de Vigo.

Compartir el artículo

stats