O TDAH (Trastorno por déficit de atención e hiperactividade) afecta aproximadamente en España a entre o 5% e o 7% dos nenos/as e adolescentes. Ángel Carracedo, prestixioso xenetista galego, médico e investigador, participará neste V Foro de Educación de FARO, que se celebrará os próximos días 24 e 25 no Auditorio Mar de Vigo.

A sesión de Ángel terá lugar o venres ás 17.30 h, en formato obradoiro. Tal e como este experto expresou nalgunha ocasión, sabe de primeira man o que é o TDAH. Ademais da súa experiencia propia, a xenética permítelle explicar cunha perspectiva ampla que significa o TDAH e como incorporalo ao día a día sen que supoña un sufrimento nin para a persoa nin para a familia e a contorna. E para iso hai ferramentas, pautas e trucos que, ben entendidos, non son tan difíciles de aplicar.

Os rapaces e rapazas con TDAH precisan moverse máis. Por exemplo, non é raro que cando len ou estudien pidan levantarse e moverse, poñerse de pé, camiñar. Tamén ler en voz alta para axudar na concentración e evitar distraccións. Na ‘Guía de apoyo al estudio para alumnos con TDAH’ presentada hai un tempo pola Fundación Jove e a Consellería de Educación, coa participación do profesor Carracedo, explícanse pautas para o alumando con TDAH.

Entre elas, por exemplo, estudar con movemento ou lanzar unha pelota para marcar os tempos de contestación a unha pregunta (coa colaboración doutra persoa neste xogo da pelota, marcando a quenda da pregunta e da resposta). “Tamén é unha boa opción dedicar cinco minutos á relaxación, que nos axudará a centrarnos. E se temos algún problema ou preocupación que non nos deixa concentrarnos, podemos expresalo, falar con alguén sobre ese pensamento para poder sacalo da nosa cabeza e sentirnos máis tranquilos. Os pensamentos negativos poden aparecer e dificultar o estudo”, inclúe dita guía con pistas para o día a día de persoas con TDAH, centradas tamén na organización dos espazos e nos hábitos diarios (pode descargarse na rede).

Respecto á diversidade

Segundo o profesor Carracedo, “a existencia das especies está condicionada á diversidade”. “Na especie humana, que é moi recente, o seu éxito biolóxico depende en parte da diversidade que temos na personalidade incluíndo comportamentos e emocións”, argumenta o científico.

“O TDAH é un trastorno do neurodesarrollo que non é máis que un extremo da normalidade que nun ambiente determinado(educativo ou laboral) fai que xente que o sofre teña un problema. E a solución non só está nos tratamentos ou a atención personalizada senón no respecto e no coidado desta diversidade”, engade Carracedo.

TALLER TDAH

O prestixioso xenetista galego Ángel Carracedo impartirá o venres 24 ás 17.30 h un obradoiro para entender o TDAH. Titúlase: “As razóns biolóxicas da diversidade: o TDAH como exemplo”.

Este catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC), ademais de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e director do ‘Centro Nacional de Genotipado (ISCIII)’, é presidente do Instituto Galego de TDAH e Trastornos Asociados (Ingada).

A Fundación Ingada xorde en 2014 co obxectivo de dar asistencia en Galicia a persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias, dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e das carencias existentes para a súa atención dende todas as áreas necesarias (clínica, educativa, social, familiar e laboral... ). Nesta fundación existe un equipo mutidisciplinar de profesionais da investigación, medicina, psicoloxía, dereito, bioética, educación, etc... interesados en mellorar a atención ao TDAH en todos os ámbitos da vida.

Segundo Carracedo, na guía sobre TDAH, “o sistema educativo actual só valora unhas poucas aptitudes do individuo, sen ter en conta a nosa grande riqueza, que é a nosa diversidade. En definitiva, empéñase en facernos iguais cando a natureza nos quere distintos”, expresa o profesor. Neste V Foro de Educación o recadado nas entradas aos obradoiros irá destinado precisamente á Fundación Ingada.

Carracedo impartirá o obradoiro o venres 24 (ás 17.30 horas) e o sábado 25 (ás 17.45 h) será a quenda de Carla Teixeira, psicóloga que forma parte do equipo de expertos da Fundación Ingada e falará tamén sobre o TDAH.

Segundo Teixeira, o público asistente ao seu obradoiro aprenderá a xestionar de forma axeitada a conduta de nenos/as e adolescentes con TDAH, adaptar as técnicas de estudo ás características do seu procesamento, fomentar as habilidades sociais e especialmente a comunicación asertiva, entre outros contidos relevantes á hora de abordar o trastorno como a importancia do autoconcepto e a autoestima”, expresa Teixeira.

No seu obradoiro tamén haberá unha parte teórica para entender ou repasar os contidos máis relevantes relacionados co TDAH, como o tipo de trastorno, a comorbilidade asociada, as diferenzas existentes en cuestións de xénero ou os tipos de tratamento.