Os obradoiros de Mavi Carrera, profesora da Universidade de Vigo (UVigo), centráronse en como previr o acoso escolar ou o ciberacoso. Esta experta traballa a prevención do acoso escolar dende os prexuízos, é dicir, dende antes de que haxa síntomas de calquera tipo de acoso. Para Carrera hai varios puntos fundamentais: “fomentar a expresividade, a empatía e a ética do coidado previamente nas aulas”. E facelo de xeito transversal, é dicir, que estean sempre presentes, non só en materias tipo Educación para a cidadanía ou Valores cívicos e éticos. E cando a profesora se refire ao tratamento transversal fala, por exemplo, de empregar linguaxe inclusiva sempre, ou revisar os materiais que se utilizan na aula. “E se hai, por exemplo, unha persoa trans na aula, respectar o nome, os pronomes; ten que estar todo vinculado e haber unha coherencia”, indica a experta.

“Xeneralizar a empatía entre todo o alumnado axuda, sen dúbida, a evitar o acoso escolar”, explica Carrera, que tamén defende a superación dos estereotipos de xénero, cuestión fundamental para crear un clima que non leve a abusos nin a acoso: “aceptar a diversidade é clave”.Nos talleres revisaron varios casos de acoso escolar e analizaron as variables relativas a xénero e etnia detrás destes casos. Tamén tiveron a oportunidade de visualizar a curta: “Vestido nuevo”, de Sergi Pérez. Vai sobre un neno que un día pon un vestido rosa e asiste así á clase. Poden observarse as reaccións, silencio, insultos... Foi unha das cuestións prácticas analizadas no obradoiro de Carrera.

A profesora destacou que estamos socializados na heteronorma e, polo tanto, temos moitos prexuízos. Empezar por esta reflexión, a modo de autocrítica, tanto na docencia como na nosa vida diaria, é fundamental para cambiar as cousas e aceptar a diversidade. E isto vai dende non pasar certas bromas ou nomes que se din nas aulas, ou nas rúas, e non lles damos importancia, cando poden ser ofensivos. “Nestes casos hai que demostrar tolerancia cero e poñer o foco neles para reflexionar entre todos que poden facer dano”, apunta a experta. Os asistentes puideron traballar o enfoque que achega Carrera: “unha pedagoxía crítica e queer para a prevención do acoso e do ciberacoso”.