Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dous milagres e un misterio sen resolver: a morte de Ranqueta (II)

O rico industrial Joaquín Francisco Graña apareceu morto no medio da ría antes do Nadal de 1905 e nunca se chegou a aclarar que foi o que aconteceu

O cadáver foi recoñecido no porto de Vigo como o de Joaquín Francisco Graña, máis coñecido como Ranqueta..

O profesor e investigador Xerardo Dasairas achegaba na entrega anterior unha colaboración sobre a coñecida como “A Santa de Rodeira”. Agora completa esta aportación cun traballo sobre outro suceso aínda sen explicación e moi sonado hai xa máis de 120 anos en Cangas: a morte do coñecido industrial da salazón Joaquín Francisco Graña Fandiño, que foi atopado aboiando no medio da ría á primeira hora da tarde do 19 de decembro de 1905. As estranas circunstancias que a rodearon a súa morte foron caldo de cultivo para numerosas teorías e sospeitas de que se tratou dun crime.

Francisco Graña era un acaudalado industrial da salga, residente en Cangas, cuxa memoria perdura no panteón chamado de “Ranqueta”, o se alcume popular, que en 1873 lle encargara ao mestre canteiro Ignacio Cerviño. A súa morte levaríao a ocupalo prematuramente e hoxe, máis dun século despois, este feito segue sen esclarecer.

Ás catro da tarde do martes 19 de decembro de 1905, a traiñeira “Peregrina” que retornaba coa pesca a Vigo, atopou aboiando no medio da ría o cadáver dun home que non tiña pinta de mariñeiro e trasladárono ata o porto remolcado de popa. O cabo de matrículas señor Millán fíxose cargo do corpo ao que lle faltaban os ollos, arrincados seguramente polas gavotas. Vestía de traxe (terno) e gabán escuros e sombreiro flexible escuro, que o acreditaban como unha persoa adiñeirada.

Vestía de traxe (terno) e gabán escuros e sombreiro flexible escuro, que o acreditaban como unha persoa adiñeirada [...] Atoparon tres cartas, dúas letras de cambio para negociar, unha cadeíña con algunhas chaves e unha peseta e seis céntimos en calderilla

decoration

O oficial procedeu ao rexistro das suas roupas, atopando tres cartas, dúas letras de cambio para negociar, unha cadeíña con algunhas chaves e unha peseta e seis céntimos en calderilla. Unha das persoas que se achegaron ao lugar, o señor Sitjá, consignatario do barco “Tordera” pronto recoñeceu ao morto que veu ser o coñecido e acaudalado fabricante Joaquín Francisco Graña Rodal, residente en Cangas, casado con Josefa Prego e con catro fillos.

O panteón de Ranqueta, feito en 1899 polo mestre Ignacio Cerviño.

O señor Graña “Ranqueta” (quizáis porque ranqueaba un pouco ao andar) era propietario de dúas fábricas de salga, unha en Beluso e outra en Domaio, a finca “Giralda” e un comercio en Cangas onde entre outros produtos, vendía viño. Ademáis do panteón, que é unha das mellores pezas funerarias do cemiterio cangués de Altamira, tamén sabemos que durante as estadías do coñecido pintor madrileño Gabriel Palencia y Urbanell, relacionado coa Casa Real, este lle fixera un retrato por encargo. Existe tamén o relato de que a figura do cireneo que aparece no Encontro da Semana Santa e coñecida popularmente como “Francisquiño da ferramenta” é unha reprodución de Francisco Graña cando era novo, agasallo de Cerviño por terlle dado o traballo do panteón. Como fose, nesta altura o noso persoeiro era alto, forte e con bigote, gozando de moita consideración e aprezo en Cangas pola sua afabilidade e gustaba de ir sempre ben traxeado.

O cadáver do señor Graña foi trasladado ao cemiterio de Pereiró para proceder á sua autopsia que estaba fixada para as oito da tarde, chegando a Vigo familiares e parentes seus para coñecer as conclusións da mesma e trasladar o corpo a Cangas. Porén, esta aprazaríase para o día seguinte, mércores ás dez da mañá pero os familiares aproveitaron para facer as xestións do traslado do cadáver a Cangas ante o comandante de Mariña señor Ruiz Rivera, quen mediante telegramas obtivo o permiso do gobernador. Entanto, as sospeitas de que fora un crime aumentaban e que o móbil fora o roubo xa que o señor Graña, segundo era habitual, adoitaba levar sempre catrocentas ou cincocentas pesetas na carteira e só aparecera a escasa cantidade atopada no primeiro rexistro.

Primeira reconstrución dos feitos

Baixo investigación xudicial realizaríanse diversas pesquisas cuxo relatorio remataba ás seis da tarde do luns, mais outro tipo de especulacións viñeron enguedellar máis o asunto. Polo que se soubo, o señor Graña marchou a Vigo o luns no vapor das dez da mañá e antes de subir saudou e falou co notario da vila Julio Alonso, Apolinar Chapela e Benito Martínez que era o encargado da sua fábrica de Beluso. As súas viaxes a Vigo, onde era moi coñecido, facíaas con certa frecuencia para realizar pagos e cobros, negociar letras ou facturar os produtos das suas fábricas. Suponse que estivo nestes asuntos unha parte da mañá e despois estivo na barbería do señor Rivas afeitándose, despois do que foi xantar a algunha casa de comidas pois adoitaba cambiar de local cada vez que ía a Vigo. Logo sóubose que foi tomar café ao Colón pois alí topou co xastre de Cangas, Arturo García, co que departiu un rato, despedíndose logo.

A esquela de Joaquín Francisco Graña Fandiño, publicada na prensa o 22 de decembro de 1905.

Esta testemuña dixo que o atopara ben de ánimo e que non o vira con ganas de se suicidar. Ás seis da tarde Graña dirixiuse ao Berbés a visitar a un moi amigo seu chamado José Cameselle Grandal que era carpinteiro e co que adoitaba ir a mercar viño a diversas zonas. Este tiña un establecemento de viños e xantares e alí estivo agardando por el, falando coa súa muller e enredando cos fillos ata que se oíu a buguina dun vapor e dixo que marchaba. A señora tentou retelo pois xa era noite e chovía e díxolle que a buguina era dun bou. Con todo, Graña marchou con rumbo á dársena cando serían as seis e media coa suposición de que iría para Cangas.

Bulos e mentideiros

Unha das versións que correron pola cidade ubicárono ata as dez da noite no Café de la Marina vigués, asunto que desmentiu o persoal, e incluso un armador amigo del que estivo alí ata esa hora dixo que de velo, aproveitaría para falar con el da compra dun barco de pesca a medias. Outra noticia falsa falaba de que o viran sobre as sete da tarde no espigón do muelle e que buscaba a alguén que o levase a Cangas ao que se ofreceron dous homes e unha muller que estaban alí co que se alimentaba a teoría do asasinato. Porén, o garda municipal de servizo na zona declararía que non soubo de ninguén que andivese buscando barco para Cangas.

Máis inverosímil foi o relato que o colocaba na lonxa do Berbés ás cinco da mañá do luns, mediando nunha trifulca entre un mariñeiro e un descargador de peixe por terlle chamado aquel escabicheiro. Díxose que no asunto mediou o garda municipal Carlos Pardo pero aquel mariñeiro, birollo por máis señas, llas xurara ao Graña se o atopaba. Porén, este Graña levaba boina escura e o Francisco Graña saíra de Cangas ás dez sendo imposible que estivese a esa hora en Vigo, asunto que tamén desmentiría o garda municipal ao asistir á autopsia.

Máis inverosímil foi o relato que o colocaba na lonxa do Berbés ás cinco da mañá do luns, mediando nunha trifulca entre un mariñeiro e un descargador de peixe por terlle chamado aquel escabicheiro

decoration

Outro relato sobre o asunto veu da man dun rapaz mariñeiro, Vicente Iglesias, que xogaba cun compañeiro na dársena e que dixo que dous homes se achegaron a eles preguntándolles se habería unha embarcación que os levase a Cangas... Contaron os rapaces que canda eles viña un señor que se sentou no espigón e que viron como unha muller de vida airada se achegou a el e que os rapaces identificaron como unha das residentes nunha pousada non santa rexentada pola “Paxareta”. Logo disto, oiron que os tres homes marcharon, dicindo que ían tomar un café. A desaparición dunha lancha de salvamento do porto naquela noite tamén fixo que se especulase se tiña algo que ver co crime.

Máis informacións

Mentres que a voz popular insistía no asasinato, o certo é que outros datos, estes contrastados, colocaban a Francisco Graña, sobre as sete e media no establecemento de ultramarinos que tiña na rúa do Príncipe, Francisco García Celada, tamén moi coñecido del pola compra de viño no Ribeiro. Este señor dixo que bebera varios vasos de viño branco que acabaron manifestándose na sua maior locuacidade, e que saiu de alí despois das dez da noite con rumbo á fonda de Andrés López na que estivo ata as doce. Logo, saiu de novo á rua, acompañado esta vez dun coñecido e foron ao Café Suizo onde tomou un café sen azúcar.

Segundo o dono do Suizo, estiveron alí pouco máis dun cuarto de hora e sábese que Graña, retornou á fonda, segundo acreditou o dono da mesma, pero tamén dixo que se puxera un pouco impertinente, seguramente afectado polas libacións e que sobre as dúas da madrugada volveu saír. O testemuño do garda municipal Indalecio Mera que facía a ronda en Príncipe e que xa o vira sair antes do café Suízo,ubicaba nesta última hora das dúas da madrugada, ao señor Graña dirixíndose cara a Porta do Sol pois identificouno por levar gabán, sombreiro flexible e un paraugas ainda que non pudo apreciar a cor do traxe.

Parece estivo no Café Suízo e cando retornou a fonda estivo un pouco impertinente, seguramente afectado polas libacións

decoration

O mércores, ás dez da mañá tivo lugar a autopsia en Pereiró, realizada polos médicos da Comandancia de Mariña señor Artime e do Reximento Murcia señor Martín, asistindo a estes o alumno de medidicina señor Millán e con outras persoas e familiares presentes que agardaban os resultados. Neste proceso tamén se aclarou que non levaba reloxo nunca, aínda que tiña dous, pero que como eran moi caros nunca os levaba.

Recreación del vapor Marcelino Barreras y la lancha con el féretro

Tamén, antes de comezar a autopsia, realizaron un novo rexistro das roupas, atopando varias cartas e a súa cédula (carné desta época) que indicaba que tiña 34 anos pero segundo os seus coñecidos botábanlle corenta e pico. O ditame final da autopsia concluiu que practicamente non inxerira alimentos nas últimas horas e que o falecemento foi debido a unha conmoción cerebral, sen especificar a causa e que quizáis por culpa da mesma caeu ao mar, afogando ao ser arrastrado polas correntes.

Por este impreciso ditame, os familiares e sobre todo os mentideiros de Vigo (as redes sociais da época) insistirían na tese do asasinato polos cartos, pois o cadáver aparecera aboiando, circunstancia que confirmaba que a morte aconteceu en terra ou nunha embarcación, sendo lanzado logo o cadáver ao mar. Incluso, se a conmoción se produciu de forma natural, non hai dúbida de que o morto fora desvalixado antes de ser guindado ao mar.

As conclusións pouco concluíntes da autopsia, debaténdose entre a morte natural e o asasinato, promoveron numerosos comentarios e teorías. Aínda hoxe a súa morte segue sen aclarar

decoration

Despois da pouco concluinte autopsia e debaténdose aínda entre a morte natural e o asasinato, os familiares trasladaron o corpo desde Pereiró ata o muelle nunha carroza que ía acompañada polos seus amigos e familiares Rafael Graña, José Molares, Manuel Lagoa e o señor Pastoriza Fresquet, seguida dun numeroso acompañamento de xentes de Cangas. Ás catro da tarde embarcaron o féretro nunha lancha na que ían os familiares e esta foi remolcada polo vapor “Marcelino Barreras” no que ían os veciños asistentes ao traslado. Unha gran multitude agardaba na chegada ao porto de Cangas onde unha vez baixado o ataúde se organizou a comitiva cara o cemiterio, presidindo o duelo o cura de Aldán Manuel Fandiño, Manuel Piñeiro del Río e Antonio Caamaño con todos os curas das parroquias e os familiares. Acompañando o féretro, levado por catro porteadores e collendo as fitas como era costume, ían José Piñeiro, Manuel Cabanelas, Manuel Lagoa e Benjamín Caamaño.

Joaquín Francisco Graña Rodal foi soterrado no panteón que mandara construír anos antes e aínda que a xustiza dixo que continuaría coas pesquisas para esclarecer a morte, esta nunca foi aclarada, sumíndose este feito no esquecemento co paso dos anos. Meses despois da morte de Graña, a sua viuva vendería as fábricas de salga.

Xerardo Dasairas

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats