A Asociación Cultura Peis d’hos vén de recoller unha nova colleita de éxitos, esta vez no XXI Concurso de Música Tradicional Xiradela, organizado pola asociación cultural do mesmo nome en Arteixo. A agrupación morracense acadou o primeiro posto nas categorías A e B e o terceiro na C. Amais, o seu grupo As Mosas do Hío pechan esta tempada de certames cun rotundo pleno: catro concursos e catro primeiros postos.

O concurso desta fin de semana celebrouse no auditorio de Arteixo e era o terceiro que se celebraba de maneira presencial desde o comezo da pandemia da COVID-19. “Foi un pracer enorme voltar a desfrutar dunha xornada presencial entre compañeiros e amigos”, suliuña Miguel Sotelo, da directiva da asociación Peis d’hos.

O grupo infantil de pandeireta obtivo o primeiro premio na categoría A, un conxunto integrado por Jimena, Sheila, Laura, Irea, Leire, Sabela G., Alía e Sabela S. Na categoría B, As Mosas do Hío sumaron o seu cuarto primeiro posto consecutivo cunha formación na que están Saínza C., Natalia, Lucía R., Nerea, Lucía A., Mónica, Saínza P., Antía, Cintia, Enma e Sofía. Na categoría C, o grupo Lina e Lola, tamén de Peis d’hos, lograron o terceiro posto con Mónica, Saínza, Violeta, Claudia, Alba, Melisa, Tania e Paula.

A mestra da agrupación, Nébeda Piñeiro, pon en valor os catro primeiros premios acadados nesta tempada por As Mosas do Hío, algo inédito. “Impresiona o que están facendo. Son todas marabillosas, non só como pandereteiras senón como persoas”, conclúe.