Bueu ofrece música, literatura, teatro e cine en galego para o mes das Letras Galegas

A entrega dos Premios Johan Carballeira será o 25 de maio no Centro Social do Mar

O 17 de maio celébrase unha nova Romaría das Letra no adro de Sanamedio

De esquerda a dereita: Pablo Portela, da A. V. A Morada de Meiro; o investigador Arturo Sánchez Cidrás; a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o secretario da Asoc. Amigos de Johan Carballeira, Xosé Novas; e o directivo do CineClub Bueu Afonso Fernández, no monumento a Johan Carballeira.

De esquerda a dereita: Pablo Portela, da A. V. A Morada de Meiro; o investigador Arturo Sánchez Cidrás; a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o secretario da Asoc. Amigos de Johan Carballeira, Xosé Novas; e o directivo do CineClub Bueu Afonso Fernández, no monumento a Johan Carballeira. / GONZALO NUÑEZ

Presentacións literarias, charlas e faldoiros, música, cinema, a entrega dos Premios Johan Carballeira e a Romaría das Letras Galegas. Son os principais ingredentes da programación das Letras Galegas de Bueu, que foi presentada hoxe pola concelleira de Cultura, Carmen García, e representantes dos distintos colectivos que participan nesta data.

As actividades xa comezaron onte mesmo coa celebración do Correlingua, con máis de 1.500 nenas e nenos de toda a comarca polas rúas de Bueu. O seguinte acto será este domingo a partir das 18.00 horas na aldea de Meiro coa Asociación Veciñal A Morada, que organiza un concerto de Xavier Blanco baixo o título de “Literatura afinada” e a presentación do libro “De costumes e agoiros do Mar do Norte”, de Xosé Daniel Costas. Para rematar haberá unha actuación musical con Cantadela de Meiro e Os Palleta Mollada.

Na véspera das Letras Galegas o investigador e experto en historia local de Bueu Arturo Sánchez Cidrás presentará o seu libro “Alcaldes para un pobo: Bueu 1812-2024”, un traballo que xa presentou o pasado verán dentro das xornadas O Mar por Diante e que agora vén de ser editado polo Concello. A presentación será ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

A xornada do 17 de maio estará reservada para a XXIII Romaría das Letras, que será no adro de Sanamedio e que incluirá a música dos Liboreiros, recitáis e un contacontos ilustrado e musicado ao redor da figura de Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O sábado 18 de maio terá un marcado carácter musical. A Coral Polifónica Marusía organiza unha nova edición do seu concerto de corais con motivo das Letras Galegas e que reunirá no Centro Social do Mar a Coral Polifónica Areas Gordas de Coiro, Coral Polifónica Val do Fragoso de Vigo, Coral Polifónica Santa María A Digna de Portonovo e a propia coral organizadora. Será no Centro Social do Mar ás 20.00 horas.

Este mesmo día desembarca en Bueu a xira do vixésimo aniversario do grupo Dakidarría, cun concerto gratuíto na carpa que estará instalada no aparcamento de As Lagoas. A actuación, que forma parte do programa + Música da Deputación de Pontevedra, está prevista a partir das 22.30 horas e terá continuidade cun Dj.

O domingo 19 de maio será a turno do teatro, coa obra “Made in Galiza” de Sarabela Teatro, a partir das 19.00 horas no Centro Social do Mar.

Un dos actos máis relevantes desta programación é a entrega dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo, que este ano recaeron en Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez. Será o sábado 25 de maio no Centro Social do Mar ás 12.00 horas. Ao rematar representarase o espectáculo “Indóciles”, con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica De Nut.

Nesta programación tamén hai lugar para as presentación literarias da Librería Miranda, que se abre este mesmo mércores con “Un anarquista” de Diego Seixo e que prosegue o 15 de maio con “O incendio”, de Sara Vila, ás 19.30 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar. E tamén para o cinema, co ciclo de películas en galego que organiza o Cineclub Bueu os venres 3, 10, 24 e 31 de maio. A semana pasada proxectouse “O Corno”, que gañou a Concha de Oro do Festival de San Sebastián e este venres tócalle a “À procura da Estrela”.