O programa “Traes unha cantiga?” deste próximo mércores (TVG, 22.00 horas) gravouse na vila de Ribadeo, localidade de fonda tradición musical, por ser vila mariñeira e pola influencia dos emigrantes que trouxeron de América o sons das rancheiras e das habaneiras, estilos hoxe moi arraigados en Ribadeo e en toda A Mariña. Veñen ao programa os grupos Os Cantantes da Moncloa, Os do Clarete e Os Jilguerillos, tres conxuntos moi coñecidos en toda a comarca lucense.

Os Cantantes da Moncloa son moi fieis a tradición de cantar nas tabernas, esta é a súa motivación. Os do Clarete está formado por veciños de Rinlo, Concello de Ribadeo, e destaca deles que non só interpretan pezas tradicionais, senón tamén composicións propias. Os Jilguerillos están formados por un grupo de irmáns e os seus cuñados e cuñadas. A taberna escollida para a gravación deste é O Colonial de José, emprazada no centro da vila, cunha estética que lembra aos antigos establecementos das colonias, onde se vendían os produtos que chegaban de América.

Os Cantantes da Moncloa naceu a raíz dun grupo de amigos que se xuntaban todos os venres para tomar os viños e de cando en cando se animaban a cantar de maneira informal nos bares que frecuentaban. Cando en Ribadeo se empezaron a organizar de novo os cantos de taberna, en torno a 2017, decidíronse a formar un grupo baixo o actual nome. No seu repertorio inclúen habaneras e rancheiras, dous estilos moi presentes tradicionalmente nos cantos de taberna da zona da Mariña, ademais de cancións “enxebres”, como eles mesmos as definen. Están moi integrados na vida social de Ribadeo e, ademais do grupo de cantos de taberna forman parte dunha charanga coa que colaboran cos eventos da Semana Santa da vila e participan na cabalgata de Reis. A formación reúne a 14 persoas, e levan como instrumentación guitarra, acordeón e percusión miúda. A cantiga escollida é “A raíz do toxo verde”, un clásico dos cantos de taberna no país.

Dúbidas

Os do Clarete, grupo de Rinlo, naceu tamén por mor do certame de cantos de taberna que empezou a celebrarse en Ribadeo no 2017. Naquel entón, moitos deles estaban no Coro da Mariña, dirixido por Ugía Pedreira. Ao principio tiveron as súas dúbidas, porque ningún deles tocaba ningún instrumento de forma “profesional”, pero finalmente decidíronse e o grupo foise consolidando. No seu repertorio hai pezas populares, pero tamén propias, como o seu himno: “O Clarete”, co que empezan todas as actuacións, e outros temas propios compostos por Pedro del Río. Teñen participado nos cantos de tabernas de todas as vilas da contorna, tanto en Galicia como Asturias. Está formado por 14 persoas con dúas guitarras, pandeiretas e percusión miúda. A cantiga elixida é “Foliada mariñeira”, cantiga que se considera un himno das xentes do mar en toda a costa galega.

Por último, Os Jilguerillos é un grupo familiar formado por iniciativa de varios irmáns en homenaxe ao seu pai, que era un músico autodidacta, tocaba acordeón, guitarra e gaita, e inculcoulles o amor pola música e a costume de cantar e tocar todos xuntos nas celebracións familiares e nas sobremesas. Morreu no 2014 e pouco despois os irmáns decidíronse a formar este grupo para participar nos cantos de taberna de Ribadeo. Por iso sempre din que o grupo é o “legado” que lles deixou seu pai. Compoñen o grupo 12 persoas con guitarras e percusión miúda. Para o programa escolleron a habanera “Miña Ruliña” moi coñecida en Ribadeo porque fala da localidade.