Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Na morte de Fito Lareo

A Xurxo Pérez, co meu agradecemento

No recuncho que se forma entre as Tres Portiñas (rúa do Dr. Cadaval), a travesía da Aurora e Príncipe, Vigo ten un fogar de acordanza. Alí foron (e algunhas son) as tabernas do Bosque, do Cotorro, de El Águila, de Elixio, da Viúda. Esta derradeira recibía dos maiores o nome de Casa Toribio. Na da Viúda eu coñecín, por vez primeira na vida, os santiaguiños e o salpicón de bragada. Ambos, bocados extinguidos.

Hoxe laiámonos do falecemento de Fito, Adolfo Lareo, o derradeiro patrón da de Toribio, ou sexa, a Viúda. Xa, antes marchara a súa dona, María. E tamén lembramos unha empregada, Concha, que cociñaba as mellores tortillas de pataca do mundo en Vigo. Houbo unha época en que o colectivo dominante en Casa Toribio era o dos traballadores de El Pueblo Gallego: xornalistas, da administración e de máquinas. A proximidade de Elixio ocasionaba que parte dos siareiros da Viúda fosen frecuentadores simultáneos de ambos sitios.

Nos días da Transición e nas turbulencias sociais que esta ocasionou en Vigo, a Viúda converteuse nun centro de resistencia ao novo réxime, e nun dos lugares onde floreceron os CCC (Comités Contra a Constitución). Diversos grupos antifeixistas e renuentes á monarquía planificada por Franco para despois do seu adeus, eran frecuentadores da Viúda. De alí saían mozos e mozas para faceren os seus saltos e alí volvían. Figuras históricas, coma Humberto Baena, cando regresa á miña memoria escolle o escenario da taberna da Viúda. Os Medraño e Lodeiro pasan, na lembranza, de Elixio á Viúda cantando coma anxos tocados dunha beatitude de enxebreza galega. Cantan a galegada coma un coro de conto medieval de milagres. A Roda naceu, entón, na Viúda do vello canto taberneiro con raíces nos entroidos. E alí os están, coa Roda, o outro Fito, os Vahamonde, Pitucos do Calvario. Porque a Viúda era puro Vigo, ou sexa Centro. En barrios e parroquias, baixar a Vigo supuña un paso pola Viúda.

Así o facía Ramón de Barreras que viña de Castrelos ou, Manolo Vilaboa, do vello e vermello Lavadores. Era un centro polifónico, a Viúda. Un puro orfeón. E sempre o sentir republicano de clase obreira. Fito Lareo aconsella os novos, fai relato histórico, é prudente e discreto, inspira confianza e respecto. Chéganme agora as noticias de que a morte o levou. Era un dos poucos da miña idade que sobrevivían aquí co corazón de pé. Séxalle a terra leve.

Compartir el artículo

stats