Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A comida dos lobos nosos

Nos anos oitenta do século pasado, eu participei nun equipo de recolleita de excrementos de lobo para os expertos tiveren noticias certas do réxime alimenticio a que se vían obrigados aqueles animais salvaxes. Os lobos da Chaira, enorme superficie de monte baixo, con bidos esporádicos, que vai de Amoroce (Celanova) á raia de Portugal polo concello de Calvos de Randín: deses falo. Observamos merda de lobo, que está chea, case sempre, de pelos e de plumas, segundo o que eles coman. Había, alí, na defecación do lobo, moita pluma branca que procedía das pitas mortas e abandonadas en foxas nas granxas de UTECO.

Unha vez, atopamos o pequeno pesuño dunha criatura de porco bravo. Isto mostraba un lobo a alimentarse maiormente de carniza morta e de animais inermes ou inválidos. Por aquel tempo, verificamos que as vacas e bestas que morrían na casa eran abandonadas na Chaira a pleno ar. Axiña esa facenda aparecía escartelada e devorada por toda clase de animais, incluídos os lobos. E os ósos destas preas, mondos, extendíanse por amplas tenzas daqueles ermos. O “basureiro” de Celanova era, entón, un monte entre as Madorras e a citada Chaira. Incendiábase, por veces, e cheiraba. Antes de o sol raiar, entraban ao rebusco no lixo os xitanos portugueses que se cruzaban tranquilamente cos lobos que saían do refugallo onde procuraran a mantenza.

Foi clausurado este vertedoiro de Celanova. Hoxe está prohibido abandonar animais mortos no monte, e as granxas de Franqueira non deixan xa as súas galiñas excedentes ao alcance do lobo. Pero resulta que os corzos inzaron e que os lobos saben cazar corzos; aínda que isto lles resulte máis traballoso que arrapañar carniza. Sen dúbida, o regreso das cabras montesas aos cumes do Xurés supuxo unha mellora na dieta dos lobos arraianos aínda que pillarlle á cabra brava os cabritos non lle debe resultar tarefa doada á nosa fera.

Os lobos foron exterminados en Gran Bretaña e nos estados alemáns no século XVIII, a poder de batidas, lazos varios e veleno traidor. Hai quen pide o exterminio do lobo galego nos nosos días. Son persoas gostantes de apretar o gatillo que chaman porque as matanzas de lobos sexan permitidas pola autoridade. Eu agora lembro aquel verso de Novoneyra do Courel no que o lobo leva toda a noite na boca. E deséxolle a vida ao animal indómito que nos meteu medo e nos fixo soñar nas distantes noites da infancia.

Compartir el artículo

stats