Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Non pare a festa

A Concha Núñez, lectora de Faro de Vigo, que mañá cumpre 100 anos

Cando nos hospitais aínda se sufren as terribles consecuencias duns poucos irresponsables que a custe de ferro e fariña quixeron salvar o seu Nadal, temos xa ás portas os días de Entroido, a festa que dende a noite dos tempos anuncia alboradas de primavera, días de máscaras, disfraces, comitivas e larpeiradas. Un tempo lardeiro de transgresión que nesta ocasión non se poderá celebrar nos espazos públicos, un fito tan inédito como necesario, que quedará na memoria nosa como a daquel inverno no que merdeiros, escabicheiros, maruxos e mascaritas viguesas quedaron confinadas na casa, outra de tantas perdas deste espantoso ano da covidia. Porén, iso non debería supoñer que no ámbito de cada grupo de persoas conviventes e respectando estritamente a etiqueta sanitaria poidamos na mesa da casa homenaxear con algún exceso larpeiro este tempo do entroido que preñado coa chegada das vacinas para as persoas maiores, sanitarias e coidadoras tamén anuncia por ventura un lume novo de esperanza.

A covidia non impide facer estes días na casa cocidos de entroido, aínda que sexa para menos comensais do que é adoito, como aqueles memorables que preparaba a avoa Concha de moza para mesa tan refinada como era a do abade de Reboreda. Cocido no que como ela conta non faltaban nin a carne de tenreira (xarrete ou faldra), o primeiro que ía pota cun pouco de unto, nin as carnes salgadas de porco, fose o lacón, o touciño entrefrebado, a orella e mesmo a pata, entre outras que había que poñer a remollo canto menos o día anterior. Cocidos competentes onde non faltaban nunca os chourizos nin as fabas ou garavanzos, ou algo de todo, nin as verduras, para ela mellor repolo, cortado en cuartos, nin as patacas de última hora, cocido todo a lume manso durante o tempo que precise. Cocido de abades, como aqueloutro memorable que relata Xabier P. DoCampo na súa derradeira novela, A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), servido a ser posible en tres fontes, unha para as carnes, outra para as patacas e repolo e unha terceira para fabas ou garavanzos e chourizos.

Cocidos de casa onde seguindo o que pedía don Álvaro Cunqueiro, outro experto desta culinaria, cómpre reservar unha parte do caldo para preparar unhas filloas que o acompañasen ou para a sobremesa. Filloas, tamén chamadas marruchos no Val Miñor ou freixós nas terras ártabras, que forman parte desa marabilla entroideira galega que son as froitas de tixola, delicias que adaptan as formas de crocantes orellas, quizais as máis emblemáticas do carnaval vigués, mais tamén de follas de limón, que Cunqueiro identificaba como propias de Tui, ou de flores fritidas, as máis devecidas na infancia nosa. Sen esquecer as rosquillas, as chulas e a bica artesá, protagonista das sobremesas de entroido en Ourense, biscoito doce presente en toda a provincia dende Valdeorras até o Ribeiro, que adopta variantes manteigadas como as famosas de Trives ou Castro Caldelas até outra sen manteiga, como a branca de Laza.

Celebración do entroido que neste tempo de covidia haberá que modificar tamén nos colexios, onde as tradicionais comparsas de aula, unha forma de correr o entroido, terán que adiar a súa saída ao ano que ven. O que non debería impedir que ao longo desta semana se respectasen tradicións escolares tan enraizadas como “Os mandados do Meco”, adaptados polos claustros ás esixencias da actual etiqueta sanitaria Covid-19, un enxeñoso exercicio de creatividade que moito axuda a reflexionar coas crianzas máis miúdas sobre a experiencia e o sentido desta festa popular de máscaras e figuración. Como tamén é unha oportunidade magnífica para traballar nas aulas sobre a singularidade do calendario do carnaval noso e sobre a extraordinaria variedade das máscaras tradicionais galegas, unhas das máis orixinais do mundo.

Diversidade de máscaras, convocadas polo editor Ramón D. Veiga e polo ilustrador David Sierra en dous libros preciosos, É tempo de Entroido (Xerais 2019) e Non pare a festa (Xerais 2021), senllas alfaias documentais na que recrean unha espectacular iconografía entroideira que vai dende o cigarrón de Verín e o peliqueiro de Laza, pasando polo vellarrón de Riós, as madamas e galáns de Cobres e os boteiros de Viana do Bolo, até os felos de Esgos e Boborás e os vixigueiros de San Mamede. E se o atractivo gráfico dos deseños de Sierra non abondase, cada un dos libros conta cunha canción propia que pon música aos versos enxeñosos e ben fiados cos que Veiga reune a tan estrondoso folión. Dous álbumes que non deben faltar en biblioteca escolar ningunha e poden axudar estes días a alfabetizar neste eido da nosa cultura popular ás xeracións galegas do século XXI. A pesar da covidia, que non pare a festa do entroido, respectando a etiqueta sanitaria.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats