Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Adeus, judeus de Ribadavia

As marés reais do Mar e da Lúa soben, polo Miño, non moito arriba de Salvaterra. Esoutras marés da política nacionalista de esquerda acaban de asolagar o goberno municipal de Ribadavia. Ribeiro en Común, que é maré de esquerda, entra xa no cumio do poder local de Ribadavia, capital dos Ribeiros. Quero decer que Ribeiro en Común e o PSOE terán ao seu cargo unha vila de pasado literario e histórico verdadeiramente espectacular.

Sendo eu de obra de seis anos, fun de Ourense a Ribadavia na máquina do tren. Non esquenzo a forma como se emsamblaba a máquina propiamente dita co remolque do carbón, nin tampouco as caras luxadas do maquinista e dos seus axudantes. Ao entrar en Ribadavia nunca nos deixan de vir á lembranza as andadas tolas de Pedro Madruga, Conde de Caminha, que loitou contra a usurpadora Isabel a Católica. E, enrabado, resústase tamén o século XIV, no cal Jean Froissart pon a resistencia rabeosa que os burgueses (entre eles burgueses xudeus) lle ofreceran nas murallas ás tropas expedicionarias inglesas que cubrían o sol coas frechas dos seus temibeis arcos. En Francelos mataron os casteláns a Érnula, que era senescal de don García, rei de Galicia.

Coma a vareixa, sempre regresa ao relato de Galicia Pedro Álvarez de Soutomaior, Madruga. Dunha vez, complicouse este en Ribadavia coa chamada Condesa Endiablada por Vasco da Ponte.

Aí o vén Madruga bulrándose dos xudeus despois de lles queimar casas de pallabarro: “Adeus, judeus de Ribadavia”–dixo Madruga ás gargalladas. El non lles tiña lei aos hebreos como non lla tiña ao abade de San Clodio a quen paseou a carranchas dunha burra e resta de allos ao pescozo para risión do partido anti-isabelino.

Onda Ribadavia, en Castrelo, ten lugar un microrrelato medieval: o da raíña Godo de Galicia. Aparéceselle o seu home asasinado. A ánima leva acompañamento de demos e arrastra cadeas de pantasma tópica. As festas históricas de Ribadavia poderían mellorar os seus guións tratando destas partes da crónica do Ribeiro. Se cadra esta tarefa a leve a cabo o novo goberno municipal. En Ribadavia estivo situado, coa súa anual Mostra de Teatro Galego, o corazón da nosa cultura dramática. Debe volver latexar alí, pensamos nós. Da represión do 36 en Ribadavia e dos sucesos antioligárquicos de Castrelo de Miño nos anos 70 do século pasado, xa iremos tratando.

Compartir el artículo

stats