Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Celebra a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o cuadraséximo cabodano do pasamento de Álvaro Cunqueiro e faino cun libro e cun simposio, ambos dirixidos por Xosé Henrique Costas, que levan o mesmo título ca esta columna. A publicación contén unha presa de poemas que se presentaron orixinalmente coma poetas estranxeiros traducidos ao galego por Álvaro Cunqueiro ou pseudónimos seus. Todos estes poetas estranxeiros áchanse baixo sospeita de seren creatures de papier, ou sexa, construcións autoriais e textuais do poeta Cunqueiro de carne, óso e sistema nervioso propio.

Conmemórase, pois, a figura de Álvaro Cunqueiro e Mora-Montenegro. Non sei se aparece o segundo apelido composto do autor mindoniense como entidade rexistral ou se debemos situalo tamén no ámbito da creación literaria. En todo caso, Mora-Montenegro liga a onomástica de don Álvaro coa de don Ramón María del Valle-Inclán e Peña-Montenegro, que así se converten en inxenios familiares. Entramos nun salón de espellos múltiples deseñados por Álvaro Cunqueiro. Este foi poeta mutante que alentou nas entrañas do século XX. Tamén foi narrador de estorias e fabricante de mitos laicos. E mais un vigoroso dramaturgo que axudou a refundar o teatro galego en tempos ruíns. A presenza duradeira de Cunqueiro no xornalismo, maioritariamente en castelán, aínda tendo Galicia como centro do mundo, está á espera de definición sistemática.

"Foi poeta mutante que alentou nas entrañas do século XX. Tamén foi narrador de estorias e fabricante de mitos laicos"

decoration

Eu quixera, agora que podemos ollar a súa vida, que decorreu entre 1911 e 1981, coa distancia adecuada, chamar a atención sobre o alto orador que tamén Cunqueiro foi mentres tivo un hálito de vida. A oratoria de Cunqueiro formouse na escola práctica do Partido Galeguista. Castelao, Otero Pedrayo, incluso Lugrís Freire, foron mestres retóricos para a xeración de 1936, na que incluímos a Cunqueiro. Fixéronse famosas as conferencias, agudezas e discursos de Castelao. Escandalizou a voz de Otero Pedrayo no parlamento republicano de Madrid cando ameazaba cunha Galicia que se reuniría con Portugal en caso de que o Estatuto non se convertise en realidade.

Nunha oración inesquencíbel, Cunqueiro evocou Galicia como patria e confesoulle a un público entregue a súa lealdade lingüística. Pediu naquela ocasión “mil primaveras máis” o que quería dicir a nosa redención colectiva. Pouco despois, o escritor de Mondoñedo morría en Vigo e ía unir o seu manantial creador ás materias e enerxías da natureza durábel.

Compartir el artículo

stats