Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Entrevista con Mr. Fake

Coido que, de certo, han de ser bastantes aqueles de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- os que fosen visionar, xeira no mesmo momento no que foi emitida ou ben mediante unha gravación ad hoc, a entrevista que o coñecido xornalista Jordi Évole lle fixo ao expresidente do Goberno de España, José María Aznar, o pasado 28 de febreiro e perante as cámaras de La Sexta, na cal, entre outras revelacións, o Sr. Aznar afirmou e reafirmou que nunca tería “votado por Donald Trump” (sic). Mais penso tamén que han de ser, asemade, uns cantos os que estean ao cabo das reaccións, respostas, réplicas... que as palabras de D. Josemari viñeron causar -e seguen aínda a facelo- nos diversos ámbitos, e por parte de diferentes interlocutores, da sociedade na que estamos a habitar. Singularmente, velaí esas de beizos do director e presentador de “Al rojo vivo”, Antonio García Ferreras, quen non dubidou en calificar o político conservador, nin máis nin menos, como alguén que “miente como un bellaco”. Desde logo, o motivo da controversia radica na aseveración, por parte sempre de Aznar e defendendo a teimosía do executivo que el presidía en culpar os etarras do acontecido-, de ser quen de lembrar “la voz de una persona en una emisora de radio diciendo que tenía delante una foto de los tres terroristas de ETA que habían atentado en Madrid (o 11M de 2004, claro é)”. Nin que dicir ten, esa voz non viría ser outra máis que a do propio García Ferreras.

Instalado no rexeitamento, e mesmo no puro e duro negacionismo, diante de calquera posible eiva, erro... cometidos xa por el e/ou polos que estaban baixo o seu mando, o expresidente non dubidou en atribuírse -ao tempo que guindaba todos os balóns difíciles á grada, por expresalo futbolisticamente- todos os méritos respecto á “feliz traxectoria” que, outra volta segundo a súa particular estima, foi vivir España nesa etapa, senón que veu declarar, ao tempo, culpables de todos os desacertos habidos/por haber aos seus inimigos políticos. Aos inimigos, si, pero tamén a todo aquel que viñese estar canda súa nunha circunstancia adversa ou simplemente ambigua: eilo, xa que logo, a actuar como todo un acusica, chivetas ruín..., tristísimo confidente de colexio, á par que chuleta violeta, laretando urbi et orbi que non só el, senón asemade Jacques Chirac e mais Gerhard Schröder tiñan postos os pés sobre a mesa cando a célebre foto en compañía de George Bush Jr. En fin; non sei Vdes., pero na miña época de estudante de bacharelato, por mor dun comportamente semellante, quedabas perfectamente sinalado, excluido de por vida de toda irmandade heroica. Claro que tal parece, iso tamén, que D. Josemari nunca tivo -nin ten- remorsos por aliñarse do Lado Escuro da Forza, devir membro de número da Orde Sith. El saberá; en todo caso, e por moi líder que se autoconsidere, xamais poderá formar parte desoutra comunidade dos jedi, resultar cabaleiro da Mesa Redonda en Camelot, vir formar parte da liga dos homes extraordinarios e/ou asistir ás xuntanzas do clan dos bos e xenerosos. Demasiado marulo, demasiado moinante, demasiado vulgar.

O que si me parece inaceptable é que o Sr. Aznar asevere que nunca lle daría o seu voto a mr. Trump

decoration

Polo demais, nihil novum sub sole. Para alén de reiterar a desherdación de Mariano (Rajoy, of course) e de lavar as mans pilatescamente no affaire do rei emérito -iso si: declarou que o foi felicitar polo Nadal, e é que liquidar a Moctezuma non quita o cortés ou ao revés ou como queira que se diga-, D. Josemari foise instalar, cal contudente defensa italiano da xeira do catenaccio -de novo lizenza polo termo futbolístico-, na área pequena e desde alí construír a súa propia Numancia. Pregunta: “Tiña Vde. noticia da existencia dunha caixa B no seu partido?”. Resposta: “eu?; n.p.i”. Pregunta: “Tiña Vde. noticia de que, en realidade, non había armas de destrución masiva en Irak?” Resposta: “eu?; n.p.i”. Pregunta: “Tiña Vde. noticia de que os autores dos atentados do 11-M podían pertencer ao islamismo radical?” Resposta: “eu?; n.p.i”. Pregunta: “Vde.., sempre n.p.i?” Resposta: “N.p.i.”

Chegados aquí e toda vez que, sen dúbida, teñen todos Vdes. formada a súa opinión ao respecto, penso ben que nin falta fai que entremos a analizar o anterior con máis detalle. Agora ben, e volvendo ao comezo das presentes liñas: este cronista pode acudir, desde logo, á maior flexibilidade do seu pensamento e dar por finiquitado o caso, facer de tripas corazón. Porén, o que si que non lle podo admitir ao Sr. Aznar, aquilo que devén inaturable é que teña os narices de aseverar para tutti quanti que el tería votado, primeiro, por Dna. Hillary Clinton e a seguir por Mr. Joseph “Joe” Biden; nunca por Donald Trump. En fin, coido ben que, de telo sabido a tempo, Jordi Évole tería rotulado o seu programa como: “entrevista con Mr. Fake”.

Compartir el artículo

stats