Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nicolás González Casares

Vigo e a fábrica de baterías

A transición na mobilidade é imparable. A UE está comprometida coa neutralidade climática para 2050. Iso significa reducir emisións de CO2 polo menos nun 55% en 2030. Se na xeración da electricidade xa se empezan a notar os esforzos por unha maior produción renovable e o peche das térmicas de carbón, faise mais notable que o sector do transporte é o principal obstáculo para alcanzar os compromisos dos Acordos de París. Mentres que a intensidade de emisións de gases de efecto invernadoiro na produción de electricidade se reduciu un 48% dende 1990, o transporte aumentou as súas emisións nun 33%.

Neste escenario de descarbonización da economía e sendo o segundo país manufactureiro de Europa neste ámbito custa comprender que o anterior Goberno do Estado non se incorporara á Alianza Europea das Baterías lanzada en 2017. Poderíanse entender certas dúbidas iniciais nunha Xunta de Galicia escaldada despois do fiasco da fábrica de Mitshubishi en Salvaterra, pero a día de hoxe chama a atención que o Executivo autonómico non promovera un proxecto de baterías entre as súas prioridades nos fondos Next Generation EU cun sector do automóbil que representa un 13% do PIB galego.

"Custa comprender que o anterior Goberno do Estado non se incorporara á Alianza Europea das Baterías lanzada en 2017"

decoration

Neste contexto adquire mais importancia a proposta presentada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo para lanzar un proxecto de fábrica. A finais de 2020 desde o Parlamento Europeo propiciamos que Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión Europea e presidente da Alianza Europea das Baterías se reunira co alcalde de Vigo, a presidenta da Deputación e o delegado da Zona Franca de Vigo sobre a iniciativa que se estaba xestando.

Como recoñeceu o comisario eslovaco, para a transición do potente sector español do automóbil cara a propulsión eléctrica serían necesarias varias factorías. O potencial existente na Península Ibérica pola abundancia de litio nalgúns dos seus territorios era unha das fortalezas mencionadas. Acaba de coñecerse un proxecto mineiro/industrial de extracción de litio, un dos materiais necesarios e abundante na fabricación de celdas de batería en Extremadura. Xa sabemos doutra proposta para instalar unha fábrica que aprovisione á industria do eixo mediterráneo, polo que Galicia debe aspirar a convertirse noutro dos polos do desenvolvemento do almacenamento eléctrico.

O ecosistema de innovación de Vigo ten moitas fortalezas: a existencia do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, a vocación técnica da Universidade, oportunidades loxísticas, o apoio europeo a empresas galegas que xa avanzan nesas tecnoloxías e a confianza da UE outorgada ao outro piar da mobilidade do futuro, o coche autónomo e conectado por 5G no corredor Vigo-Oporto. Pero tamén hai debilidades e competidores, polo que compre sumar todo o apoio posible e buscar aliados para que Vigo e Galicia se enganchen ao futuro industrial da mobilidade limpa, senon veremos perigar empregos no sector. Mellor estar advertidos.

*Parlamentario Europeo S&D

Compartir el artículo

stats