Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Djihad contra a nación árabe

Os que miraron Alec Guiness no teatro inglés ou Peter O’Toole facendo de Lawrence de Arabia en cines de todo o mundo, estarán dacordo comigo. Os pobos de nación árabe, na altura da Grande Guerra, foran desposuídos de conciencia unitaria nacional, regresaran ao tribalismo e, a declamación do Corán, borráralles da memoria colectiva as aventuras de Simbad, a totalidade de As mil e unha noites e a lírica –non exenta de viño e efebos– das muwaxahas arabigoandaluzas que García Gómez fixera renacer e recolocara na literatura universal desde a escola de semitistas de Madrid.

O Turco instrumentalizara o Islam e o puxera ao servizo da Sublime Porta e, nese plan, entrou na guerra de 14-18. E naceron monarquías árabes apoiadas por Inglaterra despois da vitoria aliada, e estas (coma en dominó) foron sendo derrotadas a seguir do golpe progresista de Nasser e convertidas en repúblicas panarabistas, neutralistas e amigas da URSS. O partido Baas sintetizou a doctrina socialista árabe y esta afirmouse desde o N. de África a Siria. Alí onde triunfou o nasserismo ou o Baas ou calquera cousa do xénero, as cristiandades árabes (maronitas, melquitas, coptas...) volveron florecer. Digamos, por exemplo, que na OLP, co FPLP á fronte, prosperou a idea de que a nación árabe era unha só e que o Islam non podía ser parte constitutiva dela.

Ao tempo de acabar co que representaba Irak e de intentar acabar co que representa Arxelia, o imperialismo dividiu e predou o chan e o sochán dalgunhas repúblicas panarabistas e tratou de ordenar o campamento de escravos resultante con “primaveras árabes” que non foron senón modulacións da contrarrevolución de masa coñecida con ese nome poético. O Islam non acudiu en axuda do panarabismo senón todo o contrario.

Hoxe o Islam político abonda en Pakistán, en Indonesia, na negritude africá, nas estepas de Asia Central, no antigo Turkestán chinés, inclusivemente en bisbarras tan europeas coma Bosnia. Pero o auténtico socialismo panarabista áchase sitiado en Siria, onde alenta o laicismo e a secularización republicana do Estado. En realidade o Islam non pode asumir unha función liberadora dos pobos, nin moito menos do pobo árabe. Velaí algúns elementos do “grande xogo”, como dicía Kipling, en toda a súa ambivalencia contemporánea.

Compartir el artículo

stats