Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O esplendor de Bernardino Graña

Lembramos un Bernardino Graña noviño e activo no consello de redacción da revista Alba que, nas Travesas, editaba Ramón González-Alegre. Publicación estrictamente poética, Alba dirixíase desde Vigo a un público que se extendía por Iberoamérica. Bernardino, como aprendiz de filólogo, gozou das luces universitarias de Salamanca, Madrid e Coimbra. O seu paso pola facultade compostelá nunca foi lembrado con delectación por Bernardino. En Madrid el acudeu, “como sangre a la herida”, a integrarse no grupo Brais Pinto no cal xogou un rol fundamental nos anos cincuenta do século pasado.

Precisamente no 1958, so o carimbo de Brais Pinto, saca á luz a súa primeira colectánea de versos: Poema do home que quixo vivir. O nacemento (1932) e crianza de Bernardino Graña en Cangas do Morrazo uniu o poeta á ría de Vigo con forza sentimental indisolúbel. Graña afondou coma ninguén na lingua mariñeira da vila e bisbarra natal. Isto levouno a introducir, por encargo de Del Riego, un corpo de palabras e expresións náuticas no dicionario de don Eladio, co cal elas pasaron da oralidade á escrita. Graña arrequentou, así, con este tesouro, o galego literario, inxertándolle unha nova vitalidade.

A Bernardino Graña débeselle, nun país de trobadores navais moitos (de Meendinho a Manuel Antonio, e máis), unha obra impregnada de mar e con carácter fortemente individual. Na década de 1960 Bernardino entrou a bucío nestas goldrías e salseiros. O resultado final foi un libro que se fixo notar na poesía galega do século XX coma o Cabo de Home e o Cabalo de Fóra se manifestan no tránsito da ría de Vigo á costa de Su a Vela. O libro é Profecía do mar, editado, para sempre vivir, o ano 1966. Representa a plenitude do autor: clamante coma un beatnik, anunciador da catastrofe que libera o sentir radical dun suxeito naturalista. E así, un libro de poesía tras doutro até chegar a eses Berros no roncar das ondas que, por agora completa, sen fechalo, o ciclo magno.

Mais Bernardino Graña non se esgota na potencia marítima e naturalística. O seu existencialismo e a súa rebeldía nacional e popular, aquí e acolá deixan oír sempre un “arruallo agre”, coma o propio poeta diría. Magnífico narrador desde Fins do mundo (1974) compre dicir que el é autor dun drama, Vintemil pesos crime (1962), que non recibiu a debida atención do mundo teatral.

Estes días celebramos un acontecemento que afecta a Bernardino Graña e tamén aos seus moitos lectores e amigos. A Xunta de Galicia concedeulle ao autor do Morrazo o Premio da Cultura Galega, o que enche esta columna de ledicia. Parabéns ao vello camarada.

Compartir el artículo

stats