Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A comida dos lobos

Hai uns cuarenta anos improvisouse un depósito de lixo a ceo aberto no alfoz da vila de Celanova. Por veces, desde Vilanova dos Infantes, mirábase fumegar. Lugar feo chegou a ser aquel, e só frecuentado por continxentes de xitanos portugueses e por lobos da Chaira. Os ciganos arraianos ían ao rebusco de ferralla e uteis deteriorados en canto os lobos procuraban alimentos que a xente refugaba. A columna dos xitanos chegaba ao mencer e os lobos abandonaban ao mesmo tempo aquel territorio fedorento. “O lobo máis grande élle coxo” –dixérame o Manuel Macendo ao tempo que sinalaba unhas pegadas desiguais no chan areoso. Falamos da Chaira, que é un vasto ermo que vai desde Celanova ao monte Penegache en planalto de mato cativo e que continúa na freguesía portuguesa do Castro ou Crasto Laboreiro. Por iso di a documentación que o convento de Celanova foi fundado no couce do monte Leboreiro, naquel seu latín.

“Un equipo amigo fíxome ver que esta fera se alimentaba tamén das galiñas que morrían nas granxas”

decoration

En tempos do depósito de cisco e refugallo múltiple, eu fun moi calcorra dos camiños que cruzan a Chaira. Foi cando vin, deitada, inerte, unha boa toura de raza pisca que lle morrera, sen dúbida, aos donos de morte natural. Estaba abandonada sobre un plástico azul. Pasei, no outro día, por aquel carreiro e comprobei que a becerra se esfumara de corpo enteiro. Pensei que a roubaran. Pero ca, tras intensa inspección, souben que o animal fora escachado en porcións dispersadas polo monte. Do corpo morto axiña só ficaron osos; e logo nin sequera iso. Os lobos da Chaira, se cadra guiados polo coxo que o Macendo identificara no depósito de lixo, fixeran festín certamente axudados por outros carnívoros e por toda clase de seres vivos, inclusivemente microscópicos.

Un equipo amigo que traballaba na análise de excremento de lobo fíxome ver que esta fera, tan temida desde o máis ancestral da reminiscencia, se alimentaba tamén das galiñas que morrían nas granxas de Coren asentadas nas veigas da Chaira. Todo o cal nos leva a considerar unha proposta que foi formulada no Consello Económico e Social de Galicia: crear unha rede de comedeiros nos que a fauna salvaxe, incluíndo nela os lobos, poida aproveitar os nutrientes que a icineración de animais domésticos destrúe por consideracións sanitarias que non teñen sentido ningún na actualidade. Xa trataremos aquí de Baudelaire e do seu magnífico poema dedicado a un animal morto que apodrece no monte.

Compartir el artículo

stats