Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Afonso X e os poetas Hohenstaufen

Adiantamos que así non foi como aconteceu. Afonso X o Sabio (1221-1284), despoixa de pór debaixo do pé dereito o bando infecto dos seus inimigos internos, consegue converterse en Kaiser do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Axudárono moito os dotes suasorios de Arnaldo de Isenburg. Este era elector de Tréveris, cidade na que fora executado Prisciliano e na que había de nacer Marx. Xa coa aguia preta no puño, decatouse Afonso de estar sucedendo, no trono de Odón I, a Henrique VI Hohenstaufen (1165-1197) e de que este soberano imperial fora trobador coma el o era. Certo, consérvanse unhas súas cántigas nas que o discurso erótico se expresa na técnica alemá tradicional do Wechsel ou alternancia retórica das voces dos amantes.

"Decatouse de que nunca se fixera reciprocidade lingüística entre os trobadores de Alemaña, Sicilia, Galicia, Occitania"

decoration

Dado que Afonso era sobriño neto de Henrique VI poderiamos sospeitar que os Hohenstaufen gozaban dunha complexión luar e tendente á a troba. Sobre todo, considerando que Don Dinís de Portugal e o conde de Barcelos participaron da xínea. Un día, o emperador Afonso decatouse de que nunca se fixera reciprocidade lingüística nin se establecera comercio textual entre os trobadores de Alemaña, Sicilia, Galicia, Occitania, irmáns en intención poética todos. Daquela, o rei de Galicia e emperador Afonso decidiu reactivar a súa vocación de director de tradutores. Promoveu concilios, sufragou estadías, puxo en relación sabedores de todas as linguas trobadorescas de Europa. El mesmo encabezaría un cancioneiro políglota de Occidente. Neste, despois de Afonso, figuraban Guilhem de Aquitania e o citado Henrique Hohenstaufen. O resultado foi un libro, cos capítulos presididos pola miniatura dun autor rodeado da súa propia simboloxía heráldica, que ía ser precursor do famoso Palatinus Germanicus (848) de Heidelberg.

Poderíase pensar que Cisneros tivese na cabeza a factura deste códice poético, e pecaminoso, cando planificou a súa Biblia Complutense, tamén políglota. Pero nada do que estamos relatando ocorreu e, como todo o mundo sabe, Afonso X o Noso morreu empezoñado por aqueles “alacraes” que foran os seus inimigos sen conseguir ser nomeado emperador romano-xermánico nunca. Celebramos os oitocentos anos do nacemento de Afonso o Sabio coa lectura dunha contribución espléndida ao estudo deste autor desde a perspectiva que o título explicita: Afonso X e Galicia, Instituto Ramón Piñeiro/Xunta de Galicia, Compostela, 2021. Felicitamos ás filólogas Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín pola dirección, ao estilo afonsino, desta obra destinada a influír.

Compartir el artículo

stats