Opinión

A dignidade humana, eixe de universalidade

A chamada sociedade occidental preséntase hoxe como líquida e individualista. Unha liquidez e un individualismo que a levan a mostrarse nun suxeitivismo radical e co que son moi difíciles tanto o diálogo como os acordos que busquen superar a tentación utilitarista e de puro beneficio.

Nun contexto así o Dicasterio para a Doutrina da Fe vén de presentar un texto, o decreto Dignidade infinita, asinado tamén polo papa Francisco, no que desenvolve a proposta dunha dignidade universal –cando se conmemora o terceiro centenario do nacemento do filósofo Enmanuel Kant, o filósofo da razón moral universal– para tempos nos que á universalidade lle custa facerse oco nas reflexións dos intelectuais e no modo de vivir da cidadanía. O triunfo do eu sobre o nós solidario e fraterno desbota todo intento de acordar decisións que unan e remen nunha mesma e desinteresada dirección.

Quizais resulte iluso reflexionar sobre a cuestión e elaborar un documento ao respecto; pero ben sabemos que os tempos da Igrexa son, en non poucas ocasións, tempos de remar contracorrente desde a convicción xeradora que abarque á totalidade da humanidade, por riba de circunstancias ou intereses de calquera tipo. E é aquí desde onde debemos achegarnos, sen prexuízos pero con compromiso de racionalidade, á lectura deste texto no que, en diálogo coa Declaración dos Dereitos Humanos de 1948, e bebendo da fonte da antropoloxía cristiá que nos define como imaxe e semellanza de Deus, e como tal, merecedores de compartir a mesma dignidade por riba de culturas, ideoloxías, acordos tácitos e tácticos ou posicións relixiosas ou filosóficas, academos un principio universal e sustentábel a todo ser humano.

A dignidade humana é característica ontolóxica fundamental que iguala ás persoas e serve de guieiro desde o que abordar e propoñer a defensa e o compromiso de todos os seres humanos nun momento da historia no que os intereses individuais priman por riba da coherencia lóxica do ben común, que como ben dicía a Pacem in terris, non é mera suma de bens individuais senón compromiso e esixencia de busca do ben conxunto, todos e todas, en canto nos descobre iguais nesa dignidade compartida e plurais no desenvolvemento da liberdade persoal, que non individual, que conforma proxectos, propostas e tarefas comúns.

En continuidade co maxisterio anterior dos papas, fundamentalmente o rico maxisterio emanado do Concilio Vaticano II, o decreto propón unha opción clara e contundente a prol da busca de propostas de actuación que mostren, con coherencia e non só desde unha perspectiva teórica, que a dignidade compartida ten a súa raíz en todo ser humano polo feito de selo. É o que chama dignidade ontolóxica, que sendo froito da capacidade da persoa de descubrirse como tal, hai que potenciala na defensa de toda acción que supoña poñer á persoa no centro de calquera decisión.

Non ha confundirse esta dignidade ontolóxica coas outras tres que, a partires dela, se despregan como elementos desta proposta común na busca do recoñecemento de toda persoa como única e con capacidade de ser ela mesma e sen confusión: dignidade moral, dignidade social e dignidade existencial, que nada serían senón se artella un principio de universalidade desde o que abranguer, a modo de abano que se abre, cubrindo a todo ser humano nas súas múltiples realidades.

Entender e acoller a Dignidade humana como principio universal de unión e relación entre as persoas fai que se poidan detectar e denunciar todas e cada unha das situacións e realidades desde as que o ser humano se vai vendo descartado nesta nosa sociedade da présa e do individualismo, producindo focos de escuridade nos que as persoas van sendo e sentíndose esquecidas: drama da pobreza, a guerra, o traballo das persoas migrantes, a trata, os abusos sexuais na Igrexa e fóra dela, a violencia contra das mulleres, o aborto, a maternidade subrogada, a eutanasia, o suicidio asistido, o descarte das persoas con discapacidade, a teoría de xénero (que busca, como ideoloxía que é, entre outras cousas, suprimir a diferencia entre home é muller, á vez que propón como criterio de decisión a vontade e non a racionalidade) ou o cambio de sexo.

Unha vez máis a fondura do maxisterio de Francisco ofrécesenos como elemento integrador dunha reflexión que busca sustentar pontes polas que todas e todos poidamos camiñar. Unhas pontes que tanto precisamos hoxe.

* Centro Teolóxico de Vigo